
Será mañá xoves, 19 de novembro, cando a Academia Galega do Audiovisual abra as votacións da primeira rolda dos XXV Premios Mestre Mateo, nos que participan un total de 393 profesionais do sector audiovisual galego. Sinalar que a edición, que culminará coa gala do vindeiro 27 de febreiro no PALEXCO (A Coruña), traerá novidades nas categorías e na programación de actividades que levará as obras candidatas a diferentes espazos da cidade.
Cómpre dicir que ao acto de presentación da XXV Premios Mestre Mateo que se celebtou hoxe, 18 de novembro, asistiron: a vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual, Alba Gallego, a deputada de cultura da Deputación de Coruña, Natividade González; o director de AGADIC, Jacobo Sutil e o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica da Coruña, Juan Ignacio Borrego, a Academia anunciou a participación de 393 profesionais nas distintas categorías dos premios, que optan aos galardóns polo seu traballo nas producións candidatas e 155 producións candidatas. As votacións permitirán agora aos membros da Academia seleccionar as obras e profesionais finalistas, que se anunciarán o 23 de decembro.
No apartado das obras, esta edición reúne candidaturas en categorías moi diversas. Salientan as 30 pezas na categoría de videoclip, as 24 curtametraxes documentais, as 21 curtametraxes de ficción e as 7 de animación. A estas súmanse 9 longametraxes documentais, 4 longametraxes e 6 longametraxes en lingua non galega. No eido das series, concorren 4 producións en galego e 3 en lingua non galega. As categorías de programas reúnen 13 propostas informativas, divulgativas ou de actualidade e 18 de variedades e lecer, mentres que a de anuncio publicitario conta con 16 candidaturas.
Emporiso nesta XXV edición, os Premios Mestre Mateo incorporan cambios na estrutura das categorías co obxectivo de reflectir mellor a diversidade de formatos e producións que conforman o audiovisual galego, así como achegar un recoñecemento máis equilibrado aos distintos ámbitos do sector.
Unha das principais novidades é a diferenciación das categorías de Mellor Longametraxe e Mellor Serie, reservadas ás producións en lingua galega, que contarán tamén con categorías propias para as obras realizadas noutras linguas. Con esta medida, a Academia quere reforzar a visibilidade e promoción das producións na lingua propia, que afrontan maiores dificultades para acceder aos circuítos de distribución e exhibición, sen deixar de recoñecer o conxunto do audiovisual producido en Galicia.
Os cambios afectan tamén ao ámbito televisivo, cunha nova distribución das categorías de programas, que diferencia os informativos, divulgativos e de actualidade dos de variedades e entretemento. Asemade, a dirección contará con categorías específicas para longametraxe, serie e programa, mentres que a comunicación tamén se divide en dúas modalidades, co propósito de representar mellor as particularidades dos diferentes formatos e recoñecer o traballo dos profesionais que os desenvolven.
A Academia Galega do Audiovisual organizará nos vindeiros meses diferentes actividades arredor dos XXV Premios Mestre Mateo, co obxectivo de achegar as obras candidatas ao público e celebrar os 25 anos dos galardóns. A programación comezará o xoves 26 de novembro cunha maratón de proxección de todas as curtametraxes de ficción e animación candidatas, que terá lugar nos Cantones Cines, na Coruña. O domingo 29 de novembro será a quenda das curtametraxes documentais, cunha sesión de proxección en Culturgal.
A programación continuará o xoves 10 de decembro cun evento adicado ás candidaturas de videoclips, que reunirá as e os profesionais detrás das pezas seleccionadas nesta categoría. Ademais, o 23 de decembro daranse a coñecer os proxectos finalistas dos XXV Premios Mestre Mateo, que competirán polos galardóns na gala do 27 de febreiro no PALEXCO.



