A Protectora Moura esixe ao Concello de Rianxo que actúe de urxencia ante dous cans en posíbel situación de maltrato

18 Novembro 2026

A Protectora Moura, entidade animalista do Barbanza, emitiu un comunicado no que denuncia publicamente a situación de dous cans localizados no municipio de Rianxo, cuxas condicións de vida suscitan unha profunda preocupación polo seu estado de benestar.

Os feitos foron detectados o pasado domingo 15 de novembro. Nas imaxes recollidas pode apreciarse un dos animais cunha delgadeza extremadamente acusada, así como un recinto con presenza de barro e unhas condicións de aloxamento que dende a protectora consideran “necesario avaliar de maneira urxente”.

Ante esta situación, a protectora realizou múltiples comunicacións ao SEPRONA, á Policía Local, ao 112 e aos responsábeis municipais, solicitando unha intervención que garantise a protección dos animais.

Indican que “non foi ata o martes 17 de novembro cando, tras novas chamadas, persoal municipal da área de Medio Ambiente se presentou no lugar e mantivo unha conversa coa propietaria dos cans”.

O persoal municipal, segundo critican dende Moura, acordou dar á veciña unha nova oportunidade.

E indican: “Dende a Protectora Moura consideramos profundamente preocupante esta resposta. Cando existen indicios de que un animal pode estar sufrindo, a prioridade das administracións debe ser comprobar o seu estado, garantir a súa seguridade e adoptar as medidas necesarias para evitar que a situación se prolongue”. E engaden: A protección animal non pode depender de promesas nin de segundas oportunidades cando o benestar dos animais pode estar comprometido. Queremos lembrar que a Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, establece no seu artigo 6 que corresponde ás alcaldías a responsabilidade superior na defensa e protección dos animais dentro do seu termo municipal”.

Ademais, recordan que o artigo 34 establece obrigas municipais de inspección, control e vixilancia, mentres que o artigo 44 contempla expresamente o comiso ou retirada cautelar dos animais cando existan indicios de infracción que así o aconsellen, mediante a actuación do órgano competente.

“Por tanto”, din, “non estamos ante unha cuestión que deba resolverse unicamente cunha advertencia verbal á propietaria”.

En base a todo o devandito, a Protectora Moura reclama ao alcalde de Rianxo que “asuma a responsabilidade institucional que lle atribúe a lei e impulse unha intervención inmediata, coa participación dos servizos veterinarios competentes e a valoración da retirada cautelar dos animais se se confirman os indicios que a xustifiquen”.

Así mesmo, solicitan que “se esclarezan as actuacións realizadas ata o momento e que se informe das medidas adoptadas para garantir o benestar dos dous cans”.

Dende a Protectora Moura queren deixar clara a seguinte cuestión: “Non pretendemos substituír os técnicos nin anticipar responsabilidades que corresponde determinar ás autoridades. O que esiximos é que se investigue, se comprobe o estado dos animais e se actúe coa urxencia que a situación merece”.

Outros artigos

Preséntase a XXV edición dos Premios Mestre Mateo na Coruña

Será mañá xoves, 19 de novembro, cando a Academia Galega do Audiovisual abra as votacións da primeira rolda dos XXV Premios Mestre Mateo, nos que participan un total de 393 profesionais do sector audiovisual galego. Sinalar que a edición, que culminará coa gala do...

+

Varios colexios de Ribeira asisten a unha función teatral en inglés

Cinco centros educativos de Ribeira afondaron máis na súa aprendizaxe en inglés coa función teatral Face and face coa colaboración do Concello de Ribeira. Esta actividade desenvolveuse nesta mesma mañá no Auditorio Municipal coa participación do CEIP Frións, CEIP O...

+

O Son inaugura a exposición Mulleres e Mar, no marco do 25N

Este martes 17 de novembro celebrouse no Son (Museo Marea) a inauguración da exposición Mulleres e Mar, impulsada por Asamblea de Cooperación pola Paz Galicia dentro do proxecto Elas Deciden e no marco do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Pensar doe”.  Xosé A. López Silva

“Pensar doe”.  Xosé A. López Silva

.Hai xa bastantes anos insistíalle eu a un alumno que se atascara nunha tradución do latín: «Pensa, pensa!». O rapaz moveu a cabeza e, ao cabo duns segundos, estoupou, o pobre: «Pensar doe, profesor!». Durante moito tempo contei aquela resposta como unha simple...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.