O Concello inviste máis de 160.000 euros nesta nova área recreativa que contará cun prazo de execución de catro meses e incluirá xogos de corda, unha cúpula, un sendeiro de parkour e elementos inclusivos.

O Concello de Ribeira iniciou este mércores os traballos de instalación do novo parque infantil da praza do Centenario, unha actuación á que a Administración local destina un orzamento de 160.119,30 euros (IVE incluído) e que executa a empresa Juegos Kompan, S.A. cun prazo previsto de catro meses.
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, achegouse ata a zona para supervisar o arranque das obras dunha infraestrutura concibida con elementos distintos aos xa existentes no resto do núcleo urbano para ampliar a oferta de espazos de lecer infantil. «Despois da adxudicación no mes de setembro, xa está en marcha unha actuación moi demandada pola cidadanía para que os máis pequenos da casa teñan outro lugar para divertirse na cidade, nun espazo moi próximo ao centro neurálxico», destacou a rexedora.
Equipamento e xogos previstos
O proxecto contempla a colocación dun conxunto variado de estruturas lúdicas e inclusivas dirixidas a diferentes idades:
- Unha estrutura en forma de cúpula da que se suspenden varios xogos de corda, capas de redes, escaleiras, pontes de corda, un tobogán, unha hamaca e tirantes.
- Unha randeeira con asento inclusivo e asento para bebés, ademais doutra randeeira tipo péndulo.
- Unha estrutura tipo sendeiro de parkour.
- Unha roda xiratoria e unha cunca xiratoria.



