Noia porá en valor a súa tradición marisqueira e mariñeira nas IX Xornadas de Exaltación do Berberecho

13 Novembro 2026

Este venres 13 de novembro presentáronse en Noia as IX Xornadas de Exaltación do Berberecho, unha iniciativa que, en palabras das entidades organizadoras, “busca promocionar un dos produtos máis representativos da gastronomía e da economía local, así como recoñecer o traballo das persoas que forman parte do sector marisqueiro”.

Na presentación participaron o secretario da Confraría de Pescadores de Noia, Adelo Freire; Arturo González, da OPP Berberecho de Noia; o alcalde de Noia, Francisco Pérez; e o concelleiro do Mar, Manolo Seijas, que deron a coñecer os detalles desta nova edición.

As xornadas están organizadas pola Confraría de Pescadores de Noia e a OPP Berberecho de Noia, coa colaboración do Concello de Noia, da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.

A programación comezará o xoves 26 de novembro, ás 17:00 horas, na Praza de Abastos de Noia, cunha demostración (showcooking) a cargo do recoñecido chef galego Luis Veira, do restaurante Árbore da Veira, distinguido cunha estrela Michelin.

Durante esta actividade, a cociña de autor será a protagonista, amosando as posibilidades gastronómicas do berberecho de Noia e a súa versatilidade na elaboración de diferentes propostas culinarias.

O domingo 29 de novembro, ás 13:00 horas, na Alameda de Noia, celebrarase unha degustación popular de berberecho, unha oportunidade para achegar este produto á veciñanza e ás persoas que visiten a vila, poñendo en valor o seu sabor, frescura e calidade.

Un produto que representa a identidade de Noia

Segundo fixeron saber na presentación, “o berberecho de Noia é moito máis ca un produto gastronómico, constitúe unha parte fundamental da identidade mariñeira da comarca e unha importante fonte de actividade económica e emprego para numerosas familias que viven directa ou indirectamente do mar”.

Durante a presentación, Adelo Freire e Arturo González destacaron a importancia de continuar desenvolvendo iniciativas que permitan dar a coñecer o produto, reforzar o seu recoñecemento e achegar á sociedade o traballo que existe detrás de cada campaña marisqueira. Deste xeito, puxeron en valor o esforzo diario das mariscadoras, dos mariscadores e do conxunto de profesionais que participan na extracción, comercialización e promoción dun recurso estreitamente vinculado á historia de Noia.

Desde a Confraría de Pescadores trasladouse tamén un agradecemento especial á Consellería do Mar e á Deputación da Coruña pola súa colaboración, así como ao Concello de Noia polo apoio á celebración destas xornadas e á promoción do sector.

Pola súa banda, o alcalde, Francisco Pérez, salientou a importancia destas actividades como punto de encontro entre a gastronomía, a tradición e a actividade económica local, destacando a colaboración entre as entidades do sector e as administracións públicas.

O concelleiro do Mar, Manolo Seijas, incidiu “na necesidade de seguir promovendo o marisco de Noia e de recoñecer o papel que desempeña o sector na economía e na vida social da vila”.

Tamén destacou “a importancia de que estas actividades contribúan a achegar a realidade do marisqueo ao conxunto da cidadanía e a dar visibilidade ao traballo das persoas que viven do mar”.

Unha oportunidade para poñer en valor o noso marisco

Indicaron a maiores que as IX Xornadas de Exaltación do Berberecho constitúen “tamén unha oportunidade para reivindicar o valor do traballo desenvolvido polo sector marisqueiro e a importancia de seguir apoiando a promoción e diferenciación dos produtos procedentes da ría de Muros e Noia”.

A través desta iniciativa, a Confraría de Pescadores e a OPP Berberecho de Noia buscan continuar achegando á cidadanía a calidade do produto local, a tradición marisqueira e o papel fundamental que desempeña o mar na identidade e na economía da comarca.

As entidades organizadoras convidan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nas actividades programadas e a gozar dun dos produtos máis emblemáticos da gastronomía galega.

Programa das IX Xornadas de Exaltación do Berberecho

Xoves 26 de novembro — 17:00 h. Showcooking do chef Luis Veira, do restaurante Árbore da Veira. Praza de Abastos de Noia.

Domingo 29 de novembro — 13:00 h. Degustación popular de berberecho de Noia. Alameda de Noia.

Organizan: Confraría de Pescadores de Noia e OPP Berberecho de Noia.

Colaboran: Concello de Noia, Consellería do Mar da Xunta de Galicia e Deputación da Coruña.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un funeral por muertos en España”. José Fernández Lago

“Un funeral por muertos en España”. José Fernández Lago

Han abandonado este mundo en contra de su voluntad, en momentos en que esperarían que su viaje transcurriera según los cánones, de suerte que llegaran a buen término. Sin embargo, no ha sido así, debido a que los responsables nacionales de los transportes no habían...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.