
Ribeira achegará a importancia da reciclaxe á cidadanía cunha serie de obradoiros sostíbeis que seguirán a temática do Nadal e que se desenvolverán en tódalas parroquias.
No acto de presentación participaron o concelleiro de Medio Ambiente, Víctor Reiriz, e o seu homólogo de Limpeza Viaria, Emilio Pérez.
“Queremos facer fincapé na importancia da reciclaxe non só de maneira estritamente informativa, senón tamén a través de accións distendidas como son estes obradoiros que nos axudarán dar unha

segunda vida a elementos para transformalos en decoración de Nadal. Incrementamos así a axenda para estas datas cuns talleres que tamén buscan ser un punto de encontro para os veciños e veciñas de tódalas idades, descentralizando a actividade lúdica do centro urbano para levala tamén a todos e cada un dos puntos do noso municipio”, destacou Reiriz.
O responsábel de Medio Ambiente tamén enumerou as últimas actuacións executadas polo Concello de Ribeira como, por exemplo, a implantación dun novo punto limpo móbil para residuos domésticos na praza de España, o reparto de máis dun cento de composteiros domésticos e 50 novos que se entregarán ao abeiro dunha nova campaña, a charla para o fomento da compostaxe doméstica e comunitaria, e os talleres de reciclaxe de téxtil para reutilizar prendas de roupa.
Doutra banda, Pérez subliñou que “a premisa é clara: reducir, reciclar e reutlizar. O Concello de Ribeira ten un claro compromiso en materia medioambiental que se traduce en feitos e agora promove estes obradoiros coa colaboración de Urbaser. Moitas veces desbotamos cousas que pensamos que xa non teñen vida útil, pero o certo que se poden transformar e empregar con outro uso co que foron comprados inicialmente. Nos talleres de téxtil puidemos aprender a converter un pantalón nunha bolsa, así que estes obradoiros seguen unha dinámica similar para a creación de ornamentos acordes á época festiva que se aveciña. Os ribeirenses terán ocasión de que os seus fogares luzan decoración única e dende a perspectiva da sostibilidade”.
Os talleres botarán a andar en Palmeira, no 20 de novembro, de 18.00 a 21.00 horas, na Sociedade; para seguir en Carreira, no 21 de novembro, de 11.00 a 14.00 horas, na Casa da Cultura; en Castiñeiras, no 21 de novembro, de 17.00 a 20.00 horas, no centro parroquial; en Oleiros, no 4 de decembro, de 18.00 a 21.00 horas, no Centro Social; en Olveira, no 5 de decembro, de 11.00 a 14.00 horas, na Casa da Cultura; en Corrubedo, no 5 de decembro, de 17.00 a 20.00 horas, na Casa da Cultura; en Artes, no 11 de decembro, de 18.00 a 21.00 horas, no Centro Recreativo; en Ribeira, no 12 de decembro, de 11.00 a 14.00 horas, na Casa da Xuventude; e en Aguiño, no 12 de decembro, de 17.00 a 20.00 horas, na Casa da Cultura.
Trátase dunha acción gratuíta para a cal se require inscrición previa vía Whatsapp no teléfono 659 647 802, indicando nome e apelidos, dirección, parroquia e contacto. Ofértanse un total de 30 prazas por parroquia e os menos de 10 anos deberán ir acompañados dun adulto.



