
O Concello de Boiro continúa co desenvolvemento do programa de Compostaxe Doméstica mediante a incorporación 40 novos composteiros doados pola sociedade ambiental autonómica SOGAMA. Esta iniciativa está destinada a promover a separación e valorización dos residuos orgánicos nos fogares, fomentar hábitos responsábeis e avanzar cara un modelo de xestión dos residuos máis respectuoso co medio.
A concelleira de Medio Ambiente, Olga González, participou na entrega e xornada formativa sobre a compostaxe doméstica impartida por SOGAMA no Centro Social de Abanqueiro destinada aos novos participantes no programa: “Gracias a todas as familias que participan xa neste programa e ás que se suman en cada convocatoria porque ano a ano reducimos a cantidade de residuos, o que contribúe a reducir o impacto ambiental e facer un aproveitamento dos recursos naturais”.

A través deste programa, que comezou no ano 2019, o Concello de Boiro leva repartidos 450 composteiros en vivendas unifamiliares de todo o municipio o que indica a implicación da veciñanza na redución dos residuos que se depositan no colector do lixo, promovendo a transformación dos restos orgánicos xerados nas vivendas en compost.
A experiencia do seguimento que se realiza cos composteiros indica que a maior parte dos restos que se depositan son de materia sobrante da cociña, seguido de segaduras de horta e que o seu uso permite un aforro na xestión de residuos de entre 600 e 800 litros de desperdicio orgánico por familia.



