
O PSdeG-PSOE realizou este venres unha visita ao Viveiro de Empresas e ao Coworking LabBarbanza, situados no parque empresarial Espiñeira, en Boiro, para coñecer as instalacións e os programas de formación e apoio ao emprego que se desenvolven neste espazo. Durante a visita, os socialistas reivindicaron “a importancia do investimento público en formación, o impulso do emprendemento e as políticas destinadas a facilitar o acceso da mocidade a un emprego estable e de calidade”. No encontro participaron Ana Alvite, candidata ao Congreso; Sindo Guinarte, candidato ao Senado; Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral provincial do PSdeG; e outros membros do partido como Aitor Bouza e Patricia Iglesias, acompañados polo alcalde de Boiro, José Ramón Romero García, e o concelleiro de Comercio, Formación e Emprego, Roberto Lojo.
Os representantes socialistas destacaron “o papel deste centro como exemplo de colaboración institucional entre o Concello de Boiro e a Deputación da Coruña, dúas administracións gobernadas polo PSOE, para ofrecer recursos formativos, apoiar novas iniciativas empresariais e mellorar as oportunidades laborais da cidadanía”.
A candidata socialista ao Congreso Ana Alvite puxo en valor a evolución do emprego durante os últimos anos e destacou especialmente a importancia de facilitar oportunidades laborais ás novas xeracións. “Estamos hoxe en Boiro, nun espazo de coworking, reivindicando que a empregabilidade mellorou moitísimo durante os anos de goberno de Pedro Sánchez”, sinalou, ao tempo que puxo o foco na relevancia da formación e a preparación das mulleres novas. Tamén defendeu a necesidade de que esa cualificación se traduza en maiores oportunidades de acceso ao mercado laboral.

“Como muller nova, quero reivindicar que somos a xeración de mulleres máis preparada da historia. Temos que seguir avanzando para que esa formación se traduza en emprego, oportunidades e capacidade para desenvolver os nosos proxectos de vida”, afirmou.
A candidata destacou igualmente a importancia de coñecer de primeira man as iniciativas que se desenvolven nos municipios da comarca do Barbanza, especialmente aquelas relacionadas coa formación, o emprendemento e a incorporación da mocidade ao mercado laboral.

Pola súa banda, o candidato ao Senado Sindo Guinarte reivindicou as políticas de formación e emprego impulsadas polo Goberno de España e destacou a importancia dos viveiros empresariais e dos programas formativos para mellorar as oportunidades da mocidade. “Estamos nun viveiro de empresas, nun espazo no que se desenvolven actividades de formación para a xente nova e obradoiros de emprego. É importante lembrar que durante os anos de goberno de Pedro Sánchez o desemprego xuvenil se reduciu máis de dez puntos”, sinalou, segundo as cifras expostas durante a visita.
Guinarte vinculou esta evolución “ao reforzo das políticas públicas de formación para o emprego, á ampliación das bolsas de estudo e ao investimento en programas que facilitan a cualificación profesional das persoas con maiores dificultades económicas”.
O candidato tamén defendeu a importancia da Formación Profesional como vía para facilitar a incorporación ao mercado laboral e responder ás necesidades das empresas.
“Non podemos volver a unha época na que a Formación Profesional estaba infravalorada e non contaba co recoñecemento que merece. Iso non é o que necesita a mocidade da provincia da Coruña, de Galicia e de España”, afirmou, a tempo que insistiu “na necesidade de manter as políticas que favorezan a formación, o acceso ao emprego e a autonomía económica das persoas novas”. E engadiu: “Hai que seguir apostando polas políticas que permiten que a mocidade teña futuro, poida desenvolver un proxecto de vida e dispoña dos recursos necesarios para vivir dignamente”, concluíu.
O secretario xeral provincial do PSdeG, Bernardo Fernández Piñeiro, destacou que o Viveiro de Empresas e o Coworking LabBarbanza representan un exemplo da importancia da colaboración entre administracións para impulsar a formación e mellorar as condicións de acceso ao emprego. “Hoxe estamos en Boiro para falar do que realmente importa á xente, do que inflúe directamente nas súas vidas: o emprego, a empregabilidade e a mellora da formación da cidadanía”, sinalou, ao tempo que puxo en valor que” este espazo conte co apoio do Concello de Boiro e da Deputación da Coruña, dúas administracións que, segundo destacou, comparten o compromiso de impulsar oportunidades formativas e laborais”.
“Este Coworking é un exemplo de como a colaboración entre dúas administracións gobernadas polo Partido Socialista permite investir na formación da cidadanía como unha das principais ferramentas para acceder a un emprego digno e de calidade”, afirmou.
O dirixente provincial tamén reivindicou as políticas laborais impulsadas durante os últimos anos, especialmente as medidas destinadas á mellora dos salarios, á redución da temporalidade e á igualdade entre mulleres e homes no mercado de traballo.
“O Goberno de España traballou para mellorar os salarios, xerar emprego de calidade e reducir a temporalidade. Pero tamén para avanzar na redución da fenda salarial entre mulleres e homes, porque a igualdade real ten que trasladarse tamén ás condicións laborais”, subliñou.



