No marco das celebracións do 25N (Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller) podemos visitar estes días a mostra Ecos de Kim, no Casino de Noia, elaborada polo alumnado do IES Virxe do Mar co obxectivo de “reivindicar os valores feministas e denunciar a violencia contra as mulleres a través da arte”. A exposición estará visíbel ata o 7 de decembro, de martes a xoves, en horario de 10.00 a 14.00 h no Casino de Noia.
Trátase dunha “experiencia artística das e dos estudantes do IES Virxe do Mar comprometidas/os coa defensa dos valores feministas e coa denuncia da violencia contra as mulleres”.
A mostra está inspirada na obra de Christine Sun Kim (nada en California en 1980) é unha recoñecida artista sonora, performer e activista estadounidense de orixe coreana, afincada en Berlín. Xorda de nacemento, a súa obra investiga como opera o son na sociedade e visualiza a experiencia da comunidade xorda nun mundo deseñado para persoas oíntes.




