
O Grupo Municipal Socialista de Ribeira vén de rexistrar seis iniciativas para o próximo pleno municipal co obxectivo, sinala a agrupación, “de dar resposta a diferentes necesidades da veciñanza”. As propostas abranguen cuestións como o acceso á vivenda, a seguridade cidadá, o transporte público, o mantemento das infraestruturas e a atención ás colonias felinas, combinando novas medidas municipais con demandas trasladadas polos propios veciños e veciñas.
Unha das principais iniciativas é a creación dun plan municipal de alugamento accesíbel para mobilizar progresivamente o 10 % das 4.521 vivendas clasificadas como baleiras en Ribeira, “o que suporía incorporar arredor de 452 inmóbeis ao mercado residencial” , explican, propoñendo ao Concello que “asuma a xestión dos alugamentos e ofreza garantías ás persoas propietarias, facilitando así o acceso á vivenda a prezos asumíbeis”. Nunha segunda fase, o programa tamén contemplaría a rehabilitación das propiedades que precisen obras para poder ser habitadas.
“Temos miles de vivendas baleiras e moitas familias con dificultades para acceder a unha. O Concello pode actuar para aproveitar os recursos que xa existen e facilitar o acceso á vivenda”, sinala o portavoz municipal socialista Fran Suárez-Puerta.
En materia de seguridade cidadá, os socialistas propoñen habilitar unha canle anónima e segura para comunicar a existencia de posibles narcopisos ou puntos de venda de drogas. O obxectivo é “facilitar a colaboración veciñal sen medo a represalias, permitindo que a Policía Local contraste a información recibida e a traslade á Policía Nacional para favorecer as investigacións correspondentes”.
Pola súa banda, en Palmeira, o PSOE reclama ampliar o percorrido provisional do autobús afectado polas obras da AC-305, recuperando dúas paradas e incorporando outras dúas na zona de Barreiro. Tamén solicita a reparación dos farois avariados en diferentes emprazamentos urbanos e no peirao, “onde a falta de iluminación dificulta o tránsito seguro dos peóns”, din.
As iniciativas rexistradas inclúen tamén dúas preguntas ao Goberno municipal. A primeira aborda a situación das colonias felinas, especialmente en Corrubedo, onde, segundo denuncian os socialistas, “a falta de recursos e organización está a dificultar as esterilizacións”. O PSOE reclama coñecer que medidas se van adoptar e se está previsto incrementar a dotación actual de 9.000 euros.
A segunda pregunta refírese ás obras de drenaxe da praza de España, anunciadas como rematadas en outubro tras máis de tres meses de traballos, pero que, segundo sinalan os socialistas, “non evitaron que as primeiras chuvias volvesen provocar inundacións”.
Ante esta situación, o PSOE solicita explicacións sobre “as actuacións realmente executadas” e “o importe abonado polo Concello, co obxectivo de esclarecer a eficacia das obras e o destino dos recursos públicos empregados”.
“Non abonda con anunciar actuacións, hai que comprobar que funcionan e que resolven os problemas. Estas seis iniciativas buscan precisamente iso: que as necesidades da veciñanza teñan unha resposta concreta e que o goberno municipal dea explicacións sobre a súa xestión”, conclúe Fran Suárez-Puerta.



