O Concello de Noia dá luz verde á licenza urbanística do novo centro de saúde

12 Novembro 2026

O Concello de Noia deu un novo paso para facer realidade o futuro centro de saúde da vila. A Xunta de Goberno Local celebrada o pasado venres 6 de novembro aprobou por unanimidade a licenza urbanística solicitada polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para a construción desta nova infraestrutura sanitaria. Segundo lembra o Concello, o proxecto contempla a construción dun edificio situado no Bulevar dos Tamara, número 4, que contará cun andar baixo e catro andares, cun orzamento de execución material de 9.485.000 euros.

A licenza aprobada establece un prazo de seis meses para o inicio das obras e de tres anos para a súa finalización, de acordo coas condicións recollidas no expediente urbanístico.

Desde o Goberno municipal salientaron “a rapidez coa que se resolveu o expediente”, así como “o traballo desenvolvido polo Servizo Municipal de Urbanismo”, que permitiu completar os informes técnicos e xurídicos favorábeis e elevar a proposta á Xunta de Goberno Local en apenas dez días desde a presentación da documentación complementaria por parte do SERGAS.

O alcalde de Noia, Francisco Pérez, destacou a importancia deste acordo para o futuro sanitario do municipio: “A aprobación desta licenza é un paso importante para que o novo centro de saúde sexa unha realidade. Desde o Concello puxemos todos os medios ao noso alcance para axilizar a tramitación e seguiremos colaborando coa Xunta de Galicia para que as obras poidan comezar canto antes”.

Pola súa banda, o primeiro tenente de alcalde, Manolo Seijas, quixo poñer en valor o traballo realizado polos empregados municipais: “Quero agradecer especialmente o esforzo e a implicación do persoal do Servizo de Urbanismo, que traballou con rapidez para sacar adiante un expediente desta importancia. O Concello cumpriu coa súa parte e seguiremos traballando para facilitar que este proxecto avance sen demoras”, sinalou.

Agora, trala aprobación da licenza urbanística, o SERGAS deberá presentar o proxecto de execución e completar a documentación técnica requirida para obter a correspondente autorización municipal de inicio das obras.

O Goberno local reitera a súa disposición a “manter a colaboración coa administración autonómica e a facilitar, dentro das competencias municipais, todos os trámites necesarios para que a construción do novo centro de saúde de Noia poida iniciarse canto antes”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.