
Co obxectivo de que o alumnado das etapas posobrigatorias do concello de Outes se poida desprazar en transporte público aos centros de ensino de Noia activarase unha nova liña de autobús.
Esta nova conexión entrará en funcionamento o próximo luns 9 de novembro e estará dispoñíbel de luns a venres durante toda a tempada lectiva, segundo vén de informar a Xuntar de Galicia, engadindo que o servizo da mañá sairá de Outes desde a parada Ao Porto (cruzamento), na zona do Freixo, ás 07,55 horas. A duración total da viaxe será duns 20 minutos e o percorrido incluirá outras paradas no concello como O Freixo, Siavo, Catasueiro, Bendimón, O Cruceiro de Roo e Viro II para finalmente chegar ás 08,15 á estación de autobuses de Noia, que está localizada a poucos minutos do IES Campo de San Alberto. Pola tarde, este servizo sairá de Noia ás 14,40 coa excepción dos luns, cando a volta se realizará ás 19,05 horas.
As persoas usuarias deste servizo poderanse beneficiar das tarifas e bonificacións do transporte autonómico, incluíndo a Tarxeta Xente Nova destinada a menores de 21 anos.
A partir da súa implantación, os horarios e percorridos estarán dispoñibeis nas webs bus.gal e mobt.gal así como nas aplicacións de Transporte Público de Galicia e MoBT.



