O BNG de Ribeira celebrou o seu magosto con música, diversión e tradición

07 Novembro 2026

O BNG celebrou en Ribeira este venres unha nova edición do seu magosto, cunha programación pensada para todos os públicos e que, segundo confirmou a agrupación, contou cunha boa resposta da veciñanza malia as condicións meteorolóxicas. A chuvia non impediu que numerosas persoas se achegasen para compartir unha tarde de música, diversión e tradición arredor dunha das celebracións máis populares do outono galego.

A xornada comezou ás 19.00 horas coa música de Dj Jalaiko e diferentes xogos populares dirixidos á rapazada. Ás 20.00 horas celebrouse a intervención do exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral para logo iniciar o reparto gratuíto de 50 quilogramos de castañas. A celebración continuou ás 21.30 horas cunha queimada popular a cargo de Nando Llon, que puxo o broche a unha xornada marcada polo bo ambiente e as ganas de compartir.

Luís Pérez Barral valorou “moi positivamente” o desenvolvemento da actividade e agradeceu a participación da veciñanza. “Estamos moi contentos pola acollida que tivo o magosto. A chuvia non nos quitou as ganas de xuntarnos, compartir unhas castañas e pasar unha boa tarde. É unha alegría ver como persoas de diferentes idades se achegan e participan dunha celebración tan nosa”, sinalou.

O portavoz nacionalista tamén puxo en valor a importancia de iniciativas coma esta para manter vivas as tradicións galegas e transmitilas ás novas xeracións. “O magosto forma parte da cultura popular galega e é unha magnífica ocasión para xuntarnos, falar e compartir unha tarde agradable entre veciños e veciñas. Esa é tamén a Ribeira mellor que queremos construír, con espazos e actividades que nos permitan encontrarnos e desfrutar das nosas tradicións”, apuntou.

Barral incidiu en que “ese orgullo pola cultura e pola identidade galega, tamén debe estar presente na defensa dos intereses do país”. E engadiu: “Temos que sentir orgullo do que somos e da nosa maneira de entender a vida, pero tamén facer que Galiza teña voz propia alí onde se toman as decisións. Necesitamos que se escoite a nosa xente e que se defendan os intereses do noso país”.

Barral trasladou igualmente o seu agradecemento ás persoas que fixeron posíbel a organización do evento. “Quero dar as grazas a todas as persoas que viñeron e, moi especialmente, ás compañeiras e compañeiros que dedicaron tempo e esforzo a preparar esta xornada. Detrás dunha actividade coma esta hai moito traballo e ilusión, e é xusto recoñecelo. Grazas a todas e todos por colaborar e por facer posible que, mesmo cun tempo pouco favorable, puidésemos desfrutar dunha festa tan bonita”.

Desde o BNG de Ribeira agradecen a asistencia e a colaboración de todas as persoas participantes e avanzaron que seguirán promovendo actividades abertas á veciñanza que contribúan a manter vivas a cultura, as tradicións e as celebracións populares galegas.

—

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

Hai bos xuíces, profesionais e valentes que cumpren coas súas obrigas. Un deles, sen dúbida, é Borja Pérez, titular do Xulgado Número 2 de Ribeira. Dita un auto xudicial polo cal suspende o lanzamento dunha familia vulnerable de Ribeira, en aplicación do novo RDL...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.