- A xornada arrancará con néboas no interior e nubes altas, pero a nubosidade irá en aumento co avance das horas. A chuvia alongase durante toda a semana con mais ou menos intensidade
- As temperaturas mínimas subirán no interior mentres que o vento rolará a compoñente sur-sueste

A estabilidade atmosférica dos últimos días ten as horas contadas coa chegada dunha borrasca procedente do océano Atlántico. A aproximación desta borrasca, xunto coa súa fronte cálida asociada, comezará a deteriorar o tempo na comunidade galega, deixando sentir os seus efectos máis evidentes cara ao final da xornada.
O día comezará aínda coa formación de bancos de néboa nos vales do interior e a presenza de nubes altas no resto do territorio. Porén, a medida que transcorran as horas, os ceos iranse cubrindo progresivamente con capas de nubes medias e baixas. Xa cara ás últimas horas da xornada, a fronte deixará as primeiras precipitacións en forma de chuvias febles, que afectarán principalmente á metade sur e á franxa oeste de Galicia.
No referente aos termómetros, as temperaturas mínimas experimentarán un ascenso de lixeiro a moderado nas zonas do interior grazas á maior cobertura nubrada nocturna, mentres que os rexistros máximos diúrnos apenas sufrirán cambios salientables.
O cadro meteorolóxico completarase cun cambio na dirección do aire: os ventos soprarán frouxos de compoñente sur-sueste no interior, acadando intervalos de intensidade moderada nas zonas litorais.

O noso mar; vento do sueste á mañá, do sur á tarde e do sueste á noite, forza 1 a 2 á mañá, 3 a 4 á tarde e 4 a 5 á noite. Mar rizado á mañá, marusía á tarde e forte marusía á noite. Visibilidade boa á mañá e á tarde e regular á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 0.5 a 1.5 metros á mañá e 0.5 a 1 metros á tarde e á noite.



