Unha misa do peregrino e un concerto de música sacra barroca a cargo do Orfeón e da Orquestra Terra a Nosa abren dúas xornadas de diálogo entre representantes eclesiais, empresariais, académicos e institucionais.
Santiago de Compostela convértese esta semana no epicentro de reflexión sobre os retos e raíces do modelo europeo co arranque do IV Encontro Igrexa-Empresarios 2026. Organizado polo Arcebispado de Santiago de Compostela baixo o lema «A civilización occidental», o foro reúne durante dúas xornadas a persoeiros destacados do tecido empresarial, institucional, universitario e eclesial.
A xornada inaugural deste xoves comezou ás 19:30 horas na igrexa de San Agostiño coa tradicional Misa do Peregrino. O programa continuou ás 21:00 horas no Museo Diocesano, emprazado en San Martiño Pinario, cun concerto de música sacra barroca dirixido polo mestre Luís Martínez e protagonizado polo Orfeón Terra a Nosa e a Orquestra Terra a Nosa. O conxunto coral, que este ano conmemora o seu 60 aniversario dende a súa fundación en 1966 por Manuel Feijóo, interpretou pezas de Giovanni Legrenzi e Antonio Vivaldi, incluíndo o célebre Gloria RV589.
A primeira xornada pecharase cun cóctel de confraternidade na Hospedaría de San Martiño Pinario, concibido como un punto de encontro distendido e networking para os participantes antes de afrontar o programa técnico.

Debates éticos e identitarios na xornada central
O groso dos contidos académicos e sectoriais terá lugar o venres, 6 de novembro. Ao longo do día sucederanse diversos relatorios e unha mesa redonda na que se abordarán, entre outras cuestións, o papel da ética e das institucións, os principios da Doutrina Social da Igrexa, a empresa familiar, a razón e a identidade cultural de Galicia no marco de Occidente.



