O Son celebrará o 25N con actividades deportivas, un manifesto na praza de España e unha exposición de homenaxe ás mulleres do mar

04 Novembro 2026

O Concello de Porto do Son presentou a súa programación para conmemorar este ano (2026) o 25 de novembro (25N), Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Haberá unha exposición (Mulleres e o Mar), unha nova xuntanza da mesa local contra as agresións, un acto institucional o día 25 (con lectura de manifesto) e unha manchea de actividades deportivas en novembro e tamén en decembro e xaneiro.

Xoves 5 de novembro

Este xoves 5 de novembro terá lugar no Concello a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero.

Dita mesa constitúe unha ferramenta operativa na que están representados todos os ámbitos municipais: político, social, sanitario, educativo, corpos e forzas de seguridade, e outros implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, co obxecto de procurar unha maior eficiencia de todas as actuacións a tal fin

Segundo sinala o Concello, “a súa natureza insterinstitucional facilita o desenvolvemento de dinámicas cooperativas e o establecemento de redes de colaboración entre as diferentes institucións e colectivos sociais que interveñen no territorio”.

Do 17 ao 30 de novembro

O Museo Marea acollerá a exposición Mulleres e o Mar, en palabras do Concello “un tributo a todas aquelas mulleres traballadoras e loitadoras incansábeis que dende o século XIX e ao longo do XX estiveron vencelladas estreitamente ao mar e as súas industrias, e é un relato colectivo de todas estas profesionais da pesca: redeiras, mariscadoras, regateiras, conserveiras”.

Pode verse de martes a xoves, en horario de 10:00 a 14:00 horas e venres e sábados de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00h A entrada é libre e de balde.

25 de novembro

O propio mércores 25 de novembro o Concello celebrará un acto conmemorativo, participativo e reivindicativo baixo o lema Todos/as baixo o mesmo paraugas onde se levará a cabo a lectura do manifesto ás 12.00 h na praza de España. Realizarase tamén a entrega de paraugas da campaña do 25N para as persoas asistentes.

Campaña de sensibilización e formación entre o alumnado do IES de Porto do Son.

Sábado 28 de novembro

Actividade Crossfit en Igualdade no Polideportivo de Trapa. As inscricións abriranse a semana de antes de dar comezo.

Domingo 20 de decembro

Campaña de sensibilización da SinSon 10k.

Domingo 24 de xaneiro

Curso de autodefensa no Polideportivo de Santa Irene. As inscricións abriranse a semana de antes de dar comezo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fallos de bondade”. José A. López Silva

“Fallos de bondade”. José A. López Silva

En maio de 2013, a Universidade de Syracuse, no estado de Nova York, encargoulle pronunciar o discurso para os seus graduados a un dos profesores do claustro, o escritor George Saunders, que catro anos despois gañaría o Booker británico con Lincoln en el Bardo, unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.