“Fallos de bondade”. José A. López Silva

03 Novembro 2026

En maio de 2013, a Universidade de Syracuse, no estado de Nova York, encargoulle pronunciar o discurso para os seus graduados a un dos profesores do claustro, o escritor George Saunders, que catro anos despois gañaría o Booker británico con Lincoln en el Bardo, unha espléndida novela sobre o loito de Abraham Lincoln polo seu fillo Willie. Saunders fixo algo moi pouco habitual: unha confesión pública. Contou ante estudantes e compañeiros os seus erros vitais, non lles chamemos pecados, e como todos os días lle proían, dixo, os seus «fallos de bondade».

O que contou, porén, non tiña nada de culpa tráxica nin soaba demasiado dramático. No sétimo curso chegou á súa clase unha nena nova, pequena e tímida, que levaba unhas lentes azuis de ollo de gato, que daquela só usaban as mulleres de moita idade. Saunders chámaa Ellen. Os compañeiros burlábanse dela de cando en vez. Ás veces, cando el regresaba a casa, víaa soa, no patio da súa. Nunca se achegou a ela nin lle dixo nada, salvo unha palabra ou dúas no colexio. Un día a familia mudouse e Ellen desapareceu. Corenta e dous anos despois, seguía pensando nela e doéndose de ter actuado con febleza. Haberá quen diga que Saunders esaxerou bastante no seu discurso, que, a fin de contas, non se portara mal. El, en cambio, estaba a afirmar algo moi distinto: que non se comportou ben.

A crueldade existe. Vémola a diario no mundo real, moito máis nas redes e en certos discursos públicos que a levan a gala. É o que Mauro Entrialgo ten denominado «malismo», no seu libro homónimo. A confesión de Saunders, con todo, fainos ver que un dos principais fallos da bondade é a inacción, o medo a involucrarse, a ser diferente do grupo. Ora ben, o seu discurso mencionaba algo máis sutil: o egoísmo que nos dis-trae do mundo, que nos fai centrarnos en nós sen ter en conta o próximo e os próximos. Hai 2200 anos, o dramaturgo Terencio puxo na boca dun personaxe xusto o contrario: «Son home, e nada dos homes pode resultarme alleo e estraño».

En abril de 1942, nunha carta ao poeta Joë Bousquet, a filósofa francesa Simone Weil deixou escrito que a atención é a forma máis rara e pura da xenerosidade. Para Weil, todo amor ao próximo se resumía na pregunta do cabaleiro artúrico ao gardián do Graal, ao doente Rei Pescador: «Cal é o teu tormento?». A pregunta esixe primeiro decatarse de que arredor de nós hai persoas, doentes ou non. Iso é o que a distracción nos rouba.

O consello final de Saunders aos graduados foi modesto. Pediulles que tentasen ser máis amables e que, fixesen o que fixesen, errasen sempre na dirección da bondade. O discurso correu de man en man ata acabar convertido nun libriño, que en castelán se publicou co título de Felicidades, por cierto.

Ellen, onde queira que estea, nunca soubo que un rapaz da súa clase a lembrou diante dun auditorio. Neste tempo acelerado quizais haxa moitas máis Ellen ao noso carón, nun piso ou nunha casa de aldea. Non sei, non teño idea de como podemos abrir máis os ollos, lonxe do noso egoísmo e das nosas distraccións diarias, pero o xesto de erguermos a mirada e decatármonos de que os outros existen pode e debe facerse: un saúdo, un «como está?», a pregunta na que, para Simone Weil, cabía toda a bondade.

Outros artigos

“As novas camadas petan forte na porta” – Antón Luaces

Hai quen exerce de informador e percorre España cunha buguina nunha man e un teléfono móbil na outra nunha especie de pre-aviso de que alí, no lugar, vai pasar algo importante. Por exemplo, un discurso ou debate político que "poña orde" na polarización desenfrenada...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Recordar o 93 e seguir o Camiño”. Luís Celeiro

“Recordar o 93 e seguir o Camiño”. Luís Celeiro

En Mérida, onde a finais do século sexto xa había un xenodochium, un albergue de acollida easistencia para as multitudes que visitaban a tumba de Santa Olalla. Os historiadores e entendidosdin que foi o primeiro refuxio para peregrinos documentado en Hispania. E alí,...

“España, triste y conmocionada”. José Castro López

“España, triste y conmocionada”. José Castro López

Una encuesta reciente de IMOP-Insights pregunta por el estado de ánimo ciudadano yrevela que la tristeza es la emoción predominante entre los españoles ante una situaciónpolítica convulsa. “Una España entristecida, desengañada y hastiada de sus dirigentespolíticos”,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.