Fronte Ampla celebrou este martes na Pobra do Caramiñal a presentación oficial de Xosé Lois Piñeiro como cabeza de lista ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña. No encontro participaron tamén o voceiro estatal da organización, Paulo Carlos López, e a candidata ao Senado pola mesma circunscrición, Rocío Núñez. Durante as súas intervencións, os voceiros da formación alertaron de que as políticas sociais e fiscais que defende a alianza entre o Partido Popular e Vox ameazan directamente a sostibilidade do sistema público de pensións e a xustiza social se chegan a conformar goberno.
No transcurso da comparecencia, Paulo Carlos López puxo en valor o perfil de Piñeiro á fronte dunha lista «conectada coa realidade dos concellos» e definiu o proxecto como unha alianza «coa forza do social, do sindicalismo, do municipalismo e das persoas que traballan cada día por unha Galicia mellor». López centrou boa parte da súa mensaxe en apelar ao voto útil, destacando os avances laborais e de conciliación acadados no Executivo: «Falamos moito do voto útil, pero o voto útil é votar por quen subiu o salario ou por quen ampliou os permisos de maternidade ata as 19 semanas». Nese sentido, incidiu en que resulta «fundamental concentrar o voto na Fronte Ampla, garantía da continuidade do Goberno de progreso».
Pola súa banda, Xosé Lois Piñeiro detallou as prioridades da súa candidatura e subliñou o seu compromiso para trasladar á Cámara Baixa as demandas históricas da comarca e da provincia en materia de infraestruturas, defensa dos sectores produtivos e reforzo dos servizos públicos municipais. «Vou poñer traballo, ilusión e dalo todo nesta campaña para conseguir esta representación no Goberno de esquerdas e seguir con todas estas políticas fundamentais para beneficiar e cambiar a nosa sociedade», asegurou o candidato.
Apoiándose na súa traxectoria como exalcalde, Piñeiro fixo fincapé na proximidade como eixo da súa futura acción en Madrid: «Desde esa visión municipalista podo achegar moito. Quero facer gala do que fixen como alcalde, dunha participación e comunicación directa, e levar os problemas onde hai que levalos: problemas que teñen que ver co día a día da nosa cidadanía». Así mesmo, aproveitou para advertir do impacto do cambio climático nos recursos hídricos da contorna e demandou investimentos inmediatos: «Un plan de resiliencia no servizo de abastecemento de auga é clave. Os concellos estamos moi necesitados de infraestruturas como depósitos de auga nunha situación de cambio climático, temos que seguir ampliando e facendo infraestruturas».




