
O Centro Social de Abanqueiro vai acoller este venres 6 de novembro a función Coralinda, unha representación teatral de Elefante Elegante para público infantil.
Coralinda é unha comedia xestual, interpretada ao estilo dos debuxos animados, destinada ao público familiar. O espectáculo aborda a temática da inmigración e do medo ao que é diferente. Deste xeito, propón unha ollada cómplice, reflexiva e sensíbel en relación ás experiencias que viven as persoas que viaxan lonxe da súa terra en busca de mellores condicións de vida e que, por cuestións de raza, xénero ou clase social, sofren comportamentos discriminatorios.
A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo crea un universo cómico e poético que viaxa do realismo á hipérbole da vida cotiá.
Sinopse
Nun lugar cincento vive un señor todo vestido de cor cincenta que manipula unha serie de caixas… cincentas. Un día, chega unha muller. Leva un vestido colorido e unha actitude exuberante que non deixa a ninguén indiferente. En canto ve ao señor, diríxese a el. Pero este, desconfiado ante a expresividade dos xestos dela e o volume da súa música, constrúe un enorme muro que lle impide entrar. Ela tenta dicirlle que as súas intencións son pacíficas e amigables, pero o señor amósase reticente a comunicarse coa visitante.
Entradas na billeteira dende unha hora antes da función.



