
O Concello de Boiro, no marco do Proxecto EnClave 2026/2027, desenvolve un programa destinado a familias e docentes nomeado Boiro en familia. Trátase dun espazo de información, orientación, formación e acompañamento familiar e charlas formativas para familias, alumnado e docentes con persoal especializado.
No mes de novembro vanse desenvolver dúas charlas no marco deste programa. A primeira delas será o vindeiro luns 9 de novembro ás 18.30 horas no Pazo de Goiáns e leva por título Normativa e perigos no ocio nocturno. A sesión será impartida por Martín Camba, axente da Policía Local en Santiago de Compostela, e nela compartirá información práctica, baseada en situacións reais, para previr riscos e acompañar mellor aos adolescentes.
A segunda das charlas que se vai impartir este mes será o vindeiro venres 27 de novembro ás 18.30 horas no Pazo de Goiáns e leva por título Pantallas, móbiles e redes: claves prácticas para familias de nenos, nenas e adolescentes. Estará impartida por Alberto Soler, psicólogo xeral sanitario, escritor e divulgador e nela achegaranse as claves prácticas para acompañar o uso dos dispositivos e das redes sociais durante a nenez e a adolescencia.
O obxectivo destas charlas é “acompañar ás familias, compartir ferramentas abordar xuntas cuestións que preocupan e forman parte do día a día”. As sesións son gratuítas e para participar é necesaria inscrición previa mediante o teléfono 981 84 84 25 ou o formulario web dispoñíbel na páxina municipal.



