A Deputación participa nunha nova edición de Culturgal

04 Novembro 2026

A Deputación da Coruña participará un ano máis en Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que celebrará a súa XIX edición do 26 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. A institución provincial contará cunha programación propia que permitirá dar a coñecer o traballo de creadoras e creadores da provincia e visibilizar algúns dos premios literarios e musicais que promove.

A deputada de Cultura, Natividade González, participou na presentación oficial de Culturgal 2026, unha edición que reunirá máis de 800 artistas e creadores de todas as disciplinas da cultura galega, con arredor de 200 espectáculos e actividades para todos os públicos. O encontro contará tamén con 100 postos, 10 galerías de arte, sete escenarios e unha ampla oferta de propostas musicais, literarias, audiovisuais e de artes escénicas.

Durante a súa intervención, González puxo en valor o significado desta feira para a cultura galega e expresou o orgullo que supón para a Deputación da Coruña formar parte dela un ano máis. “Desde a Deputación seguimos colaborando cunha programación que nos permite traer a este espazo unha boa representación do traballo cultural que se desenvolve na nosa provincia. Desde as persoas gañadoras dos nosos premios literarios ata propostas musicais e de artes escénicas, que amosan a riqueza, a diversidade e, sobre todo, o talento que temos no noso país”, sinalou.

A programación da institución provincial concentrarase en diferentes propostas musicais e literarias que poñen en valor o talento galego e os certames culturais impulsados pola Deputación.

O sábado 28 de novembro, ás 13.00 horas, terá lugar o concerto de Raposa, banda gañadora dos Premios NARF 2026. A actuación permitirá achegar ao público o proxecto musical recoñecido nesta última edición dos premios, que promoven e recoñecen a creación musical.

Tamén o sábado, ás 18.00 horas, celebrarase o encontro Premios que tecen redes: Certames Literarios da Deputación da Coruña, unha actividade centrada nos premios literarios provinciais e na súa capacidade para impulsar a creación e establecer vínculos entre autoras, autores e lectores.

A sesión contará con Manuel Barreiro e Elías Taño, que presentarán Maré, obra gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada.

A xornalista Susana Pedreira conducirá a conversa entre os autores, que estará seguida dunha sinatura de exemplares.

O domingo 29 de novembro, ás 16.00 horas, será a quenda de Antía Yáñez, gañadora do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2025, que presentará a súa obra Bragakadabra nunha conversa con Lois Pérez, tamén gañador deste certame na edición de 2022. O encontro reunirá, así, dúas xeracións de persoas premiadas co Raíña Lupa para dialogar arredor da literatura infantil e xuvenil galega e da súa evolución desde a creación do premio en 1998, cando Agustín Fernández Paz resultou gañador da primeira edición coa obra Cos pés no aire. Susana Pedreira conducirá a conversa, que abordará tamén as lecturas e os percorridos literarios das persoas participantes.

A programación da Deputación pecharase ese mesmo domingo, ás 17.00 horas, cun concerto das bandas e proxectos gañadores do concurso musical infantil Quero Cantar no 2026, unha iniciativa da institución provincial destinada a fomentar a creación musical entre a infancia e a mocidade e a dar visibilidade ás novas voces da música galega.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fallos de bondade”. José A. López Silva

“Fallos de bondade”. José A. López Silva

En maio de 2013, a Universidade de Syracuse, no estado de Nova York, encargoulle pronunciar o discurso para os seus graduados a un dos profesores do claustro, o escritor George Saunders, que catro anos despois gañaría o Booker británico con Lincoln en el Bardo, unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.