
O artista visual e documentalista Xan Leira ven de presentar e inaugurar, en Cangas de Morrazo, 24X3X76 memorias gravadas, unha exposición de obra gráfica que aborda a represión exercida pola ditadura militar arxentina, as desaparicións forzadas e a loita colectiva pola memoria, a verdade e a xustiza. No acto de inauguración participaron Araceli Gestido, alcaldesa de Cangas, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, director do MUGART (Museo do Gravado de Artes, Ribeira) e o propio artista.
A mostra coincide co cincuenta aniversario do golpe de estado do 24 de marzo de 1976, que deu inicio á última ditadura militar arxentina. A través do gravado, a fotografía, o colaxe e a incorporación de documentos e testemuños, Leira constrúe un proxecto artístico no que as imaxes das vítimas e as palabras empregadas polos represores se converten en materia de investigación, denuncia e reflexión sobre a violencia política.

Segundo informa o MUGART, “as obras recuperan rostros, miradas e fragmentos dunha memoria que a represión quixo borrar. As superficies rugosas, as texturas, as imaxes fragmentadas e as inscricións remiten á pegada dos muros e á presenza das loitas pola memoria no espazo público”. Ademais, “a linguaxe gráfica pon así en cuestión o vocabulario do poder e os mecanismos cos que a violencia pretende xustificarse, mentres reivindica a persistencia da memoria fronte ao esquecemento”.
Á par da inauguración da mostra de obra gráfica, presentarase o catálogo pensado como unha obra singular dentro do contexto testemuñal das obras. Textos de destacadas personalidades institucionais, académicas, da crítica e do propio artista afondan nas múltiples lecturas. María Sampedro Fernández, alcaldesa de Ribeira e presidenta da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital (MUGART), salienta o compromiso da obra coa verdade, a xustiza e a dignidade humana. Sampedro destaca tamén a implicación directa do museo no proceso creativo: as estampas foron realizadas por Xan Leira no taller do MUGART, nunha colaboración que sitúa a institución non só como espazo de conservación e difusión, senón tamén como lugar de produción artística.

O director do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira (MUGART), Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, define a obra de Leira como “unha forma de testemuño artístico que transforma a materia gráfica nun instrumento de memoria”. O gravado, sinala, “deixa de ser un simple procedemento técnico para converterse nunha maneira de pensar e facer visíbel aquilo que os discursos oficiais trataron de ocultar ou normalizar”.
O ensaísta e crítico de arte Carlos L. Bernárdez, pola súa parte, destaca “a relación entre imaxe, texto e documento”, así como “a capacidade da obra para analizar os mecanismos de opresión e defender a liberdade”. A súa lectura, engade, “subliña a dimensión contemporánea do proxecto, no que a manipulación da linguaxe política se incorpora á reflexión artística sobre o pasado e o presente”.
A historiadora da arte arxentina Silvia Dolinko, especialista en arte arxentina e latinoamericana do século XX, interpreta estas estampas como “unha sorte de murais gráficos que evocan as paredes rachadas e as intervencións urbanas”. Na súa análise, destaca a presenza das fotografías das persoas desaparecidas e a relación entre a tradición do gravado, as loitas populares ea denuncia política. A obra remite, deste xeito, á memoria colectiva arxentina e ás mobilizacións
que continúan reclamando verdade e xustiza.
Pola súa banda, Graciela Daleo, exdetida-desaparecida durante a ditadura arxentina, socióloga e profesora na Universidade de Buenos Aires, salienta a “capacidade destas imaxes para establecer un diálogo entre as vítimas, as súas ausencias e as voces que persisten na denuncia”. E engade: “As estampas, atravesadas por sons e silencios, non se limitan a lembrar o que aconteceu: interpelan tamén o presente e reclaman unha reflexión crítica sobre a violencia e a deshumanización”.
Con esta exposición, Xan Leira afonda nunha liña de traballo que vincula a creación plástica coa investigación documental e a recuperación da memoria histórica. O título 24X3X76 memorias gravadas converte a data do golpe militar nunha marca que se repite para impedir que o paso do tempo dilúa a lembranza das vítimas. Como afirma o propio artista, “gravar é lembrar”, e lembrar significa interromper a naturalización do horror.
Datos da inauguración
Exposición: 24X3X76 memorias gravadas, de Xan Leira
Datas: 3 de novembro ata o 15 de decembro de 2026
Lugar: Sala de exposicións da Casa da Cultura “Bernardino Graña”, Cangas de Morrazo



