O BNG de Padrón emitiu un comunicado no que expresa a súa “profunda preocupación” polo que cualifica de “deriva autoritaria” no Concello por parte do Goberno local (PSOE), ao que acusa de “falta de capacidade de diálogo” . Dende a formación din que o Executivo municipal “actúa de xeito constante como se contase cunha maioría absoluta da que carece, amosando unha incapacidade manifesta para asumir a realidade matemática e democrática xurdida das urnas”.

E engaden, en relación á non aprobación do salario para a concelleira Yolanda Castro, que non prosperou no pleno da semana anterior: “Non é a primeira vez que o Goberno municipal traslada propostas ao pleno sen ter establecido ningún tipo de contacto nin negociación previa cos grupos políticos. Pretender que a corporación ratifique decisións tomadas de maneira unilateral, para despois recorrer á queixa e á vitimización cando estas non prosperan, evidencia unha profunda irresponsabilidade e unha falla de vocación de acordo. O BNG non vai aceptar que se pretenda culpar á oposición da propia falta de traballo e de capacidade de xestión do executivo”.
Así mesmo, dende o BNG denúnciase o uso como “arma política da situación laboral da voceira nacionalista, Bea Rei”, quen é persoal laboral fixo da estrutura organizativa do BNG, “un posto no que se atopa pola súa valía, pola súa formación e pola súa capacidade de traballo”, sinalan, engadindo que “empregar este tipo de descualificacións persoais e demagóxicas, ademais de amosar unha evidente falla de argumentos políticos, revela unha calidade ética moi distante da que se lle presupón a quen preside unha institución pública”.
A formación nacionalista critican tamén “a praxe habitual de retirar a quenda de palabra aos concelleiros da oposición en canto se escoitan intervencións ou críticas que non son do agrado do alcalde, actitudes que son unha mostra inaceptábel de falta de talante”. Para o BNG, estamos ante “un estilo autoritario e unha imposición permanente que só buscan agochar a incapacidade real do goberno para dirixir Padrón e para ofrecer solucións aos problemas da veciñanza”.
Malia a esta situación, o BNG reafirma que segue aberto a sacar adiante todas aquelas medidas e iniciativas que sexan beneficiosas para Padrón e mantén a man tendida. Con todo, insisten en que “se o PSOE quere contar co apoio do BNG nesta ou noutras cuestións, ten que abandonar a soberbia e sentar a negociar previa e lealmente”.



