
En setembro de 1936, na Estrada, membros da Falanxe local prenderon un profesor do instituto e obrigárono a varrer as rúas da vila a punta de pistola. Algún deles, probablemente, fora alumno seu. O 12 de novembro notificáronlle a suspensión de emprego e soldo. Ese mesmo día, no monte da Caeira, en Pontevedra, fusilaron dez homes, entre eles médicos, mestres e avogados.
Corenta e un anos despois daquela detención, o 29 de outubro de 1977, aquel profesor, Antonio Fraguas, era o director dun museo etnográfico que inauguraba as súas primeiras salas no vello convento compostelán de San Domingos de Bonaval. O Museo do Pobo Galego cumpre hoxe corenta e nove anos e, como en cada aniversario, abre de balde as súas portas á toda a cidadanía.
Ao carón de don Antonio estaba Xaquín Lorenzo, Xocas, que en 1932 dirixira o museo etnográfico do Seminario de Estudos Galegos no Colexio de Fonseca e vira como a guerra desfacía todo o traballo daquela xeración de intelectuais. A represión fascista golpeou o Seminario con dureza: dezanove dos seus socios e colaboradores foron asasinados, vinte e sete marcharon ao exilio e outros trinta e dous coñeceron a detención ou o castigo. Tamén Fraguas perdera un museo. Na Estrada creara un pequeno museo da Terra de Tabeirós e soñaba con instalalo na torre de Guimarei, pero a sublevación truncouno igual ca o de Fonseca.
Os dous foron sempre moito máis ca un presidente e un director. Eran homes respectados, referentes para estudosos posteriores e testemuñas vivas do que fora o Seminario antes da guerra. Representaban o elo cun proxecto que a ditadura cortara de raíz, e a súa presenza en Bonaval dicía que aquel fío non chegara a romper de todo. A esperanza daquel país que estaba a nacer tiña, aquel 29 de outubro do 77, setenta e un anos e setenta: os de don Antonio e os de don Xaquín.
O Museo do Pobo Galego naceu como o gran herdeiro do Seminario, aínda que de Fonseca chegaron moi poucas pezas. Galicia aínda non tiña Estatuto nin institucións propias, e foi a sociedade civil quen o puxo en marcha. Organizouse como asociación, con xente que achegou e achega cartos e tempo e con doadores de todo signo, desde quen entregou coleccións enteiras, como a olaría de Luciano García Alén, ata quen deixou alí o que gardaba na casa. Máis tarde chegaron os legados de bibliotecas e arquivos, entre eles os do propio Xocas e os de Fraguas, que o converteron nun centro documental de primeira orde, onde conviven a fotografía, o papel e a voz gravada de Galicia. En 1993, a Xunta recoñeceuno por decreto como centro de referencia dos museos antropolóxicos da Comunidade Autónoma.
Na xuntanza fundacional, Xocas deixara caer unha frase que encerra toda unha idea da cultura: «non hai que confundir antigüidade con obxecto». Un cesto non chega a un museo pola súa idade. Chega porque alguén o teceu, alguén o encheu e alguén o levou ao lombo ou na cabeza, e sobre todo porque na súa feitura e no servizo que prestou contén algo que nos fala de toda un pobo.
O emblema que deseñou para o museo o compostelán Xosé Manuel Gómez Vilasó xunta dúas ferramentas de traballo que Lorenzo estudou durante décadas: a roda do carro e a dorna, unha da terra e outra do mar. Ningunha das dúas foi feita para estar quieta. Tampouco Xocas quería un museo parado, á antiga usanza. Días despois da inauguración explicaba que buscaban ser, por enriba de todo, «unha cousa viva».
O Museo do Pobo Galego ocupa hoxe o convento enteiro. En 2024 superou as 55.000 visitas e hai poucos días escolleu ao seu novo presidente, o arqueólogo Felipe Arias, que xa estaba alí en 1976 entre os membros fundadores.
Xocas e Fraguas finaron vendo aberto o museo que soñaran en Fonseca e na Estrada. A roda e a dorna seguen no emblema dun proxecto que aínda nos mira cos ollos daquela xeración inmorredoira de mozos que se atreveron a soñar un país estudado e comprendido desde dentro. Ese país acóllenos agora no antigo convento de San Domingos e explícanos, peza a peza, sala a sala, quen fomos mentres miramos cara ao futuro. Poucos anos antes de morrer, Fraguas dixo que a súa obra non era máis ca «un pequeniño gran de area no montón». Hoxe a porta de Bonaval está aberta. Cada visitante que se achegue este 29 de outubro ou calquera outro día do ano, ha engadir o seu.




