
O alumnado-traballador do Obradoiro de Emprego Tahume XI participou o pasado 29 de outubro nunha visita didáctica ás instalacións a de biomasa de Greenalia en Curtis-Teixeiro, onde se atopa a maior planta de biomasa de Galicia. Esta actividade permitiu coñecer de primeira man o proceso de valorización dos residuos forestais e a produción de enerxía a partir da biomasa, achegando o alumnado á realidade profesional do sector.
A xornada estivo enmarcada nas iniciativas complementarias á formación teórica e práctica do Obradoiro que permiten achegar as persoas participantes á realidade das empresas e aos procesos produtivos vinculados ás súas especialidades.

Máis polo miúdo, o grupo tivo a oportunidade de coñecer un modelo de aproveitamento dos recursos forestais centrado na valorización da biomasa e na produción de enerxía. “Foi unha experiencia que permitiu reflexionar sobre a relación entre a xestión forestal, o aproveitamento dos residuos e a sostibilidade enerxética, así como sobre a importancia de integrar criterios ambientais, sociais e económicos na actividade empresarial”, informaron dende o Concello do Son, co-organizador do Obradoiro xunto co Concello de Ribeira.
A visita comezou cunha presentación a cargo de Gonzalo, técnico de Greenalia, quen explicou o proceso de recollida dos residuos forestais e a organización e planificación necesarias para desenvolver esta actividade. A continuación, Alex Espansandín, director da planta, achegou ao alumnado ao funcionamento das instalacións, explicando o proceso de xestión da biomasa, o funcionamento da caldeira e a produción de enerxía.
Tras estas explicacións, o grupo realizou un percorrido guiado pola planta, no que puido observar de preto os procesos e as instalacións descritos previamente. A xornada incluíu tamén unha experiencia práctica cun simulador de autocargador forestal, que posibilitou ao alumnado achegarse, dunha maneira interactiva, ao manexo desta maquinaria empregada nos traballos forestais.

Desde o Obradoiro Tahume XI agradecen especialmente a Clara Pastur a súa disposición e colaboración para facer posíbel a visita, así como a acollida recibida por parte de todo o equipo de Greenalia e a participación de Gonzalo e Alex Espansandín, que compartiron os seus coñecementos e facilitaron a comprensión dos distintos procesos.
“Este tipo de iniciativas constitúen unha oportunidade para complementar a formación e reforzar a conexión entre a aprendizaxe e o mundo laboral”, engadiu o Concello do Son, engadindo que “coñecer empresas, descubrir diferentes métodos de traballo e comprender os procesos que existen detrás de cada actividade profesional contribúe a ampliar a perspectiva do alumnado e a identificar novas posibilidades de desenvolvemento profesional”.
A visita a Greenalia deixa, así, unha experiencia de aprendizaxe e un exemplo de como a innovación, a organización do traballo e o aproveitamento dos recursos poden formar parte dos retos e das oportunidades vinculados ao futuro do sector forestal e enerxético.




