O Porto do Son vai acoller os días vindeiros unha charla sobre a fibromialxia e sobre as consecuencias, achegando pautas sobre a súa comprensión e sobre como debemos actuar no caso de sermos diagnosticados con esta doenza (como tomar o control, como reducir a ansiedade e como mellorar a nosa calidade de vida). A cita será no Centro de Interpretación do Castro de Baroña o vindeiro 14 de novembro ás 17.00 horas.
Será impartida por Lucia Moreda Santamaría, paciente diagnosticada de fibromialxia e terapeuta ocupacional con extensa formación en metodoloxías para afrontar a dor e insomnio de xeito activo.
O encontro tamén acollerá a presentación oficial de Pilar Fernández Alonso como Delegada de AGAFI Fibromialxia en Santiago-Barbanza.
A xornada vén da man de AGAFI e conta coa colaboración do Concello do Porto do Son.




