Os Premios Palco elixen aos muradáns The Rapants como Artistas do Ano e á Fundación Paideia como Persoa do Ano 2026

29 Outubro 2026

Os II Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios Palco, impulsados por AGEM e a Xunta de Galicia, co apoio da Deputación da Coruña, veñen de anunciar aos proxectos seleccionados pola xunta directiva da Asociación Galega das Empresas Musicais como Artista do Ano e Persoa do Ano 2026 nesta segunda edición dos galardóns. AGEM decidiu outorgar a The Rapants o Premio ao Artista do Ano 2026, mentres que, na categoría de Persoa do Ano 2026, foi elixida a Fundación Paideia.

Paralelamente, o público seleccionou por votación popular ao Surfing The Lérez como proxecto gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público neste 2026.

A votación en liña finalizou o pasado martes, 27 de outubro, ás 23.59 horas, e a iniciativa máis votada nesta categoría aberta ás apartacións da audiencia foi o festival pontevedrés, que acada o mérito por segundo ano consecutivo, seguida en número de votos por outros proxectos como Gulliver Fest e Osa do Mar. Con este galardón, a Asociación Galega de Empresas Musicais busca recoñecer aqueles festivais, concertos, salas e proxectos musicais que destacan pola organización, a atención ao público, a accesibilidade, os servizos, o ambiente ou o coidado de cada detalle, poñendo ás persoas espectadoras no centro e ofrecendo unha vivencia inesquecible.

En palabras de Josiño Carballo, tesoureiro de AGEM, “desde a Asociación Galega das Empresas Musicais recoñecemos a The Rapants co galardón ao Artista do Ano nesta segunda edición dos Premios PALCO, os Premios da Industria Musical de Galicia, porque representan unha das realidades máis estimulantes da música galega actual”.

E engade: “Coa creación de The Rapants Club, a banda de Muros foi quen de construír algo que vai moito máis alá dun disco ou dun concerto: unha comunidade na que o público se recoñece, coa que se identifica e da que quere formar parte. Encher o Multiusos Fontes do Sar cun proxecto propio, desde Galicia e cunha proposta dirixida especialmente a unha xeración nova, é un fito que merece ser celebrado e recoñecido. Demostra a capacidade do talento galego para mobilizar milleiros de persoas, crear referentes propios e conquistar espazos tradicionalmente asociados a grandes artistas estatais e internacionais”.

The Rapants nunha imaxe de Andrea Sánchez

Finalmente, destaca: ”The Rapants son hoxe embaixadores dunha escena musical galega viva, contemporánea e con moito que dicir, ademais dun exemplo de como a conexión co público pode converterse nunha das grandes fortalezas dun proxecto artístico”.

Josiño Carballo anunciou, tamén, que “desde a Xunta Directiva de AGEM, organizadora de Palco xunto á Xunta de Galicia, decidimos outorgar o recoñecemento á Persoa do Ano 2026 á Fundación Paideia”, confirmando que este recoñecemento “responde ao seu compromiso sostido coa industria musical galega e a un labor de acompañamento, formación e profesionalización cuxo valor é difícil de cuantificar. Desde unha posición sen ánimo de lucro, Paideia leva anos ofrecendo ferramentas, oportunidades e apoio a artistas e proxectos emerxentes, contribuíndo a que o talento poida desenvolverse e atopar o seu lugar no sector”.

Estudios Mans da Fundación Paideia

“A achega da Fundación Paideia vai moito máis alá da formación: representa unha guía constante para quen comeza, unha oportunidade para adquirir capacidades profesionais e un impulso decisivo para que novas propostas musicais poidan medrar, gañar visibilidade e construír unha traxectoria”, engadiu Carballo. E concluíu: “Recoñecer á Fundación Paideia é recoñecer tamén a importancia de traballar colectivamente polo futuro da música galega, investindo nas persoas, no talento e nas condicións que fan posíbel unha industria máis sólida, preparada e sostíbel”.

Ademais destes tres galardóns hoxe anunciados, un xurado profesional composto polas asociacións AGEM, AGATEC, TESGAL, AGPXC e CLUBTURA, xunto ás e aos gañadoras e gañadores da pasada edición dos premios, seleccionou un total de 42 proxectos finalistas nos Premios Palco 2026, 3 por cada unha das 14 categorías xerais contempladas nos premios. A noite do martes, 3 de novembro, daranse a coñecer os proxectos gañadores nun encontro sectorial na Sala Capitol de Compostela, onde tamén terá lugar a entrega dos galardóns.

Imaxe aérea do Surfin Lérez

Finalistas dos Premios PALCO

Iniciativas e profesionais nomeados e nomeadas nas categorías xerais dos Premios Palco 2026:

Mellor deseño de iluminación

Álvaro Moreno (The Rapants)

Gabriel Alvarado (Treixadura)

Laura Iturralde e José Faro (Gala i Ovidio)

Mellor implementación de son

Nerea Bello (Bala)

Ricardo Barroso (The Rapants)

Rubén Montes (Carlos Ares)

Mellor produción de servizos

Emsac

Global Setup

Kachet

Mellor profesional de produción

Adela Otero

María Galdón

Olalla Camaño

Mellor manager

Aitana Cuétara (Luneda)

Álvaro Creo (Off Stage)

Alberto Lora & Carles Montalt (Galunk)

Mellor produción discográfica

Dani Cornes e Crnds (Aquí sempre tes casa, Dani Cornes)

Iago Pico, Gabi Fernández e Tanxugueiras (O Cuarto, Tanxugueiras)

Xoel López e Adrián Seijas (Oniria Popular, Xoel López)

Mellor posta en escena

As dúas e punto (Tertúlia, Fillas de Cassandra)

Laura Iturralde e José Faro (Gala i Ovidio)

The Rapants crew (Rapants Club)

Mellor promotor / programador

Alberto Alfonso (Art Music Agency)

David Pedrouzo (Todomedre)

Suso Santamaría e Iván Viturro (A Pousada da Galiza Imaxinaria)

Mellor proxecto de comunicación

EmigraSON

Lucía Pita (Tertúlia, Fillas de Cassandra)

PortAmérica

Mellor identidade visual

Julia Salgado Barca, Mar Suárez e Agustina Shuan (Anfibia por veces, Antía Muíño)

Melania Freire (De Ninghures)

Zeltia Iglesias (Mondra)

Mellor videoclip

Daniel Pérez, El Membrillo (subir subir, Karmento & Mondra ft. El Nido)

Daniela Rey Faraldo (Simplemente, Candela Liste)

Juan Barbazán, Sergio Goce e Manuel Seoane (Non sei como, The Rapants)

Mellor evento cultural / musical

AC Fanto Fantini – Osa do Mar

PortAmérica

Resurrection Fest

Mellor espazo musical

A Cofradía Taberna Cultural

Mardi Gras

Sala Rebullón

Mellor proxecto de sustentabilidade

Arteficial

PortAmérica

Sinsal

Sobre The Rapants

Segundo o xurado do certame, “The Rapants é talento, actitude e diversión”. Nada en Muros (A Coruña) no 2018, a banda do momento da escena galega surfea entre o pop, o garage e o disco cun directo “sen descanso”, coa intención de facer bailar, sen prexuízos, ao público.

A adrenalina que desprende The Rapants durante os seus concertos é unha das grandes bazas e clave do éxito do cuarteto, que nos últimos meses levou as melodías de herdanza disco e rock de La máquina del buen rollo (2024) -Premio MIN ao Mellor Álbum en Galego-, por escenarios de toda a Península Ibérica.

Logo de consolidar a identidade e a enerxía “rapante” tanto en salas de concertos coma en grandes festivais, o cuarteto muradán regresa con Rapants Club, un álbum que leva a súa música a outro nivel. Variedade estilística, guitarras frenéticas, sintetizadores e retrousos pegadizos conflúen nun traballo que amosa a evolución do grupo, á vez que mantén, máis viva que nunca, a identidade rapante.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“500 noites” – Xulio Xiz

“500 noites” – Xulio Xiz

O dato das 500 noites lembroumo o pasado San Froilán o magnífico Carlos García-Boente Carro, á fronte de La penúltima sabinera, que foi debullando os éxitos de Joaquín Sabina diante do entusiasmo dos presentes, deixando para o remate os dous temas para min máis...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.