
A Plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza convocou este xoves 29 de outubro unha nova concentración ás 12 da mañá diante do Centro de Saúde de Ribeira. O obxectivo é esixir a mellora do servizo e, máis concretamente, solucionar os problemas de falta de persoal. Denuncian que “neste momento faltan de forma continua 3 médicas de familia, 2 son as prazas que non teñen médica asignada e a outra é unha incapacidade temporal sen cubrir”.
Lembran tamén que “nos últimos semanas é habitual que as pediatras de Ribeira teñen que atender as crianzas menores de 2 anos da Pobra todos os martes, e con frecuencia as de Boiro, tendo acontecido que algún martes tanto as crianzas de Pobra como as de Boiro tiveron que ser atendidas en Ribeira”.
Trala concentración haberá unha rolda cos medios ás 12.30 horas. Entregarase ao Concello unha moción para presentar no próximo pleno, na “que solicitamos o apoio de todas e todos os concelleiros de Ribeira nas nosas demandas ante a Consellería de Sanidade para mellorar a situación local de sanidade”, anunciaron dende a plataforma.
O próximo venres, como todos os venres, haberá outra concentración ás 12 da mañá nos Xardíns Valle-Inclán da Pobra. O motivo principal é solicitar a apertura do PAC da Pobra dende ás 15:00 os días laborais, así como a cobertura das ausencias, e a recuperación da praza de medicina de familia amortizada, “xa que as demoras para ser atendidas no centro de saúde da Pobra, están moitos días en 2 semanas”.



