A influencia dun centro de altas presións situado en Europa Central deixará este xoves un tempo predominantemente seco e apracible tanto na comarca de Santiago como nas Rías Baixas, nunha xornada marcada por un comezo algo gris e unha clara melloría co paso das horas.
A primeira metade do día estará caracterizada pola presenza de néboas no interior —visibles nos vales arredor de Compostela— e por brétemas costeiras no litoral atlántico, xunto con intervalos de nubes baixas no oeste galego. Non obstante, esta nubosidade irá remitindo de xeito progresivo: os bancos de neboa costeira retiraranse cara ao mar e o ceo abrirá paso a nubes altas polo serán que non impedirán gozar dun ambiente solleiro.
No relativo aos termómetros, as temperaturas manteranse estables, sen apenas variacións significativas nas máximas e con valores moi confortables pola tarde( máximas 20 graos). Os ventos soprarán frouxos de compoñente sur-suroeste durante toda a xornada, favorecendo unha sensación térmica apracible en ambas as zonas.

O noso mar: Vento do sudoeste á mañá e á tarde e do sueste á noite, forza 1 a 3. Mar ovellado. Visibilidade regular á mañá e boa á tarde e á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 1.5 a 2 metros á mañá e 1 a 1.5 metros á tarde e á noite.



