
Meigas, criaturas do máis alá e personaxes dalgunhas das películas máis coñecidas do cinema de terror déronse cita na sede boirense de Amicos para celebrar o Samaín 2026. O Centro de Atención Integral transformouse nun escenario de película, onde persoas de todas as idades gozaron dunha xornada chea de creatividade, disfraces e diversión.
Este ano, o cinema foi o fío condutor da celebración. Os distintos grupos prepararon os seus disfraces inspirándose en personaxes tan coñecidos como Eduardo Manstesoiras, Beetlejuice, a Familia Addams, a Noiva Cadáver, o Boneco Diabólico e Freddy Krueger.
Durante varias semanas, cada grupo traballou con ilusión para dar o seu propio toque aos personaxes escollidos. O resultado foi un auténtico desfile de cine de terror polos corredores do centro, entre berros, sustos e moita diversión compartida coas compañeiras e compañeiros, as familias e o equipo de Amicos.

A participación activa estivo presente desde o comezo da preparación da festa. As películas nas que se inspiraron os disfraces escolléronse en asemblea, de maneira que as persoas que acoden ao centro puideron decidir e formar parte da organización da celebración.
“O Samaín é unha oportunidade para traballar a creatividade e a participación. As películas nas que se inspiraron os disfraces escolléronse en asemblea, dando voz ás persoas que acoden ao centro para que decidan e participen activamente. É unha xornada moi importante para nós, porque as familias veñen ao centro, comparten este momento con todos”, explicou Sonia Fuentes, psicóloga e coordinadora da área de Persoas de Amicos.
Os disfraces tamén foron protagonistas dun concurso no que o xurado valorou as propostas preparadas polos distintos grupos. “Foi moi difícil escoller, porque detrás de cada proposta había moita creatividade, ilusión e traballo. Non só importaba o resultado final, senón tamén a orixinalidade e o esforzo que había detrás de cada disfrace. A todos lles daría un 10”, sinalou Carla Arca, sobriña de un usuario que acude ao Centro de Día e integrante do xurado.

Os máis pequenos do Cole CEEPR tamén se sumaron á festa con disfraces inspirados na película Monstros, S.A.. Os seus coloridos personaxes, tan tenros como monstruosos, achegaron un toque divertido a unha xornada chea de criaturas arrepiantes. “Gústame moito o Samaín porque podemos disfrazarnos, dar algún susto e pasalo ben cos compañeiros. Este ano, ademais, os disfraces quedaron moi chulos”, contaba Miguel Ramón.
Unha festa que comeza moito antes

Aínda que o gran día é o momento máis agardado, a celebración do Samaín comeza semanas antes nos obradoiros de Amicos. A preparación dos disfraces, a decoración dos espazos e os traballos manuais permiten participar en cada detalle da festa. Detrás de cada disfrace hai tempo, imaxinación e traballo en equipo: escoller unha temática, preparar os materiais e dar forma a cada personaxe son actividades que fomentan a creatividade e permiten compartir experiencias.
Dende Amicos salientan que “o Samaín é tamén unha oportunidade para manter vivas as tradicións e achegarse á súa historia”. Cada ano, esta celebración reúne as persoas que forman parte de Amicos, as familias e os profesionais arredor dunha proposta diferente, na que o importante é participar, gozar e, tameń, pasar un pouco de medo.

No concurso de Samaín, os premios repartíronse entre propostas moi diferentes. Monstros, S.A. levou o premio ao mellor disfrace; o Boneco Diabólico, á mellor caracterización; a Familia Addams, á mellor escenografía; Eduardo Manstesoiras, ao premio aos máis simpáticos; Freddy Krueger, ao dos máis terroríficos; a Noiva Cadáver, á mellor maquillaxe; e Beetlejuice, á mellor coreografía.



