
A Pousada da Galiza Imaxinaria continúa a reforzar a súa posición como un dos espazos de referencia da música en directo en Galicia e como un proxecto cultural cun importante impacto económico para Boiro. A súa condición de finalista na categoría de mellor promotor/programador dos Premios PALCO 2026, xunto coas dúas candidaturas consecutivas aos Premios Martín Códax da Música en 2024 e 2025, avalan unha traxectoria de máis de tres décadas de compromiso coa música e coa cultura.
Fundada por Suso Santamaría, que continúa á fronte do proxecto, a sala vive unha etapa de continuidade e renovación coa incorporación de Iván Viturro á programación. A dirección técnica corre a cargo de Oscar Romero, con Angel Ramallo como asesor técnico.
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) salienta que “ao longo de máis de 33 anos, A Pousada construíu unha identidade propia cunha oferta musical diversa, que combina artistas emerxentes e consolidados, propostas galegas, estatais e internacionais, e colaboracións con asociacións e profesionais do sector; un traballo sostido que contribúe á dinamización cultural e á descentralización da oferta musical, demostrando que desde unha vila como Boiro tamén é posible desenvolver proxectos con proxección estatal”.
Unha locomotora cultural e empresarial para Boiro

Desde a ABE, da que A Pousada forma parte, quérese destacar especialmente “o valor que este proxecto achega ao conxunto da vila”, cunha actividade que vai moito máis alá da organización de concertos. De feito, lembran que “a sala funciona como unha auténtica locomotora cultural e empresarial, capaz de atraer persoas de diferentes puntos de Galicia e doutras partes de España que se desprazan ata Boiro para asistir ás súas propostas musicais”.
E engaden: “Esta capacidade de atracción repercute tamén na actividade económica local, ao xerar oportunidades para a hostalaría, o aloxamento e outros negocios da contorna”.
A Pousada contribúe así a proxectar unha imaxe de Boiro como “unha localidade dinámica, con iniciativa empresarial e capacidade para ofrecer experiencias culturais de calidade”, apunta a ABE, para quen “contar cunha sala destas características entre as súas empresas asociadas representa un valor diferencial e un exemplo de como a iniciativa empresarial pode xerar actividade económica, enriquecer a oferta cultural e reforzar o atractivo dunha vila tanto para a veciñanza como para as persoas que a visitan”.
Un dos proxectos mellor valorados na convocatoria estatal de axudas

A Pousada da Galiza Imaxinaria foi seleccionada na convocatoria estatal de axudas a salas de música en directo correspondentes ao ano 2026, promovida polo Ministerio de Cultura. O proxecto situouse entre as propostas mellor avaliadas de España e por diante de salas de longa traxectoria situadas en capitais de provincia.
Esta resolución supón un importante recoñecemento á calidade do proxecto, á continuidade da programación e á profesionalización dun espazo que leva máis de tres décadas contribuíndo á actividade cultural de Boiro.
A colaboración da ABE na tramitación da axuda

A Asociación Boirense de Empresas desempeñou un papel activo no proceso de solicitude desta axuda, colaborando na preparación e elaboración da memoria técnica do proxecto presentado por A Pousada.
Este acompañamento técnico forma parte do labor que desenvolve a ABE para facilitar que as empresas asociadas poidan identificar e aproveitar oportunidades de financiamento, impulsar os seus proxectos e acceder a recursos que contribúan á mellora da súa actividade.
Para a patronal boirense, esta colaboración entre a asociación e A Pousada “exemplifica a importancia do traballo conxunto entre as empresas e as entidades que promoven o desenvolvemento económico local”. Engade que “a consecución deste apoio estatal pon tamén de manifesto a capacidade dos proxectos empresariais boirenses para competir en convocatorias de ámbito nacional”.
Recoñecementos que avalan unha traxectoria

A Pousada foi finalista aos Premios Martín Códax da Música nas edicións de 2024 e 2025 e, en 2026, é agora tamén finalista dos Premios PALCO na categoría de mellor promotor/programador. Estes recoñecementos destacan o traballo dos profesionais e proxectos que contribúen ao desenvolvemento da industria musical.
“A súa traxectoria pon en valor o esforzo continuado por manter un espazo de música en directo, ofrecer unha programación diversa e xerar oportunidades para artistas e públicos, e é tamén un exemplo da importancia de contar con iniciativas empresariais que combinan actividade económica, compromiso cultural e capacidade de innovación”, salienta a ABE, que considera que “proxectos como A Pousada representan o potencial do tecido empresarial boirense: empresas que, ademais de desenvolver a súa actividade, xeran valor para o territorio, atraen visitantes e contribúen a facer de Boiro unha vila máis activa, atractiva e conectada co exterior”.
A programación desta fin de semana
A actividade de A Pousada continúa esta fin de semana cunha programación que reúne tres propostas diferentes entre o venres 23 e o domingo 25 de outubro.
Venres 23 | Amaramar
A programación arrinca o venres con Amaramar, nunha nova cita coa música en directo na sala de Boiro.
Sábado 24 | Javier Lago + Santi Araújo
O sábado será a quenda de Javier Lago e Santi Araújo, nunha dobre cita enmarcada no ciclo Programación Kármica. Dúas voces propias da música galega compartirán escenario nunha noite dedicada ás cancións, ás letras e á creación musical.
Domingo 25 | Casapalma — AIEnRuta
O domingo pechará a programación Casapalma, dentro do circuíto AIEnRuta, cunha proposta que amplía a diversidade estilística da programación da sala.



