Hai anos que levo un caderno de santos: datas, anécdotas e atributos rechamantes, apuntados sen moita orde nin concerto. Abre por San Xerome, o mesmo que de cando en cando volve aos xornais porque na fachada de Santa María de Pontevedra, entre os doutores da Igrexa, aparece tocado de chapeu de cardeal e lentes.
Isto de poñerlles lentes aos santos non lles é novo. Nos séculos XIV e XV os pintores foron colocándollas a persoeiros da Biblia coma quen lles agasalla un reloxo de peto: no Tirol hai dous apóstolos que as levan postas ao pé da cama da Virxe moribunda, e en Bad Wildungen hai outro, de 1403, obra de Conrad von Soest, ao que chaman sen máis o apóstolo das lentes. A Xerome, teño anotado, Ghirlandaio deixoullas pousadas sobre o escritorio nun fresco de 1480, e en bastantes outras pinturas son un adminículo máis do santo, a carón do libro e da caveira, porque é o patrón de todos os que pasamos a vida cos ollos enzoufados en papeis.
Recoñézome nas lentes e nas horas de mesa, nesa forma de felicidade que consiste en pasar os días estudando. De neno, Xerome dábame medo. Había un cadro de Marinus van Reymerswale, que vin no Prado, onde o santo é un vello demacrado de meixelas fundidas que sinala unha caveira. Soñei con el unhas cantas noites. A unha táboa inacabada de Leonardo da Vinci cheguei xa de adulto, e agradecino. Pobre San Xerome. Conta a lenda que o cardeal Fesch, tío de Napoleón, atopou ese cadro de Leonardo dividido en dous: o santo sen cabeza facía de tampa dunha caixa nun anticuario de Roma e, cinco anos despois, a cabeza apareceu calzando un banco de zapateiro.
Dise que o corpo de San Xerome repousa noutra Santa María a Maior, a grande, a romana. Na fachada sur da nosa Santa María de Pontevedra está San Telmo co seu cirio, ese lume que os mariñeiros vían arder no alto dos mastros durante as tormentas e que tomaban por sinal de amparo. Teño lido en Salgari a tripulación do Corsario Negro, co bo de Morgan a bordo, mirando aquel resplandor arrepiada coma quen ve unha pantasma.
O San Telmo de Pontevedra é o galego, pero ten biografía de prestado. O home que descansa na catedral de Tui chamábase en realidade Pedro González, un frade castelán de Frómista que predicou polas nosas costas e que acabou por coller o nome e os atributos do verdadeiro Sant’Elmo, un bispo italiano ao que se encomendaban os mariñeiros do Mediterráneo. Oficialmente, o noso Telmo nin sequera é santo. A Igrexa só o recoñeceu como beato. A canonización segue en trámite. Antes de todo iso fora deán en Palencia, rico e fachendoso, ata que un día, desfilando nun cabalo enfeitado, o animal esvarou e tirouno nun bulleiro diante da mesma xente que acababa de aplaudilo. Dalí saíu, corrido o pobre, a facerse dominico.
O meu santo favorito, con todo, é San Filipe Neri, florentino que fixo de Roma a súa casa. Saía á rúa coa barba afeitada só pola metade, e uns señores chegados de Polonia, que viñan visitalo, atopárono rindo a cachón cos chistes que lle lía un amigo cura. Cóntase que o papa o mandou examinar unha monxa con fama de milagreira. Neri chegou enlamado ata os xeonllos, coma o Telmo tudense, e, sen saudala, estendeulle a perna para que lle quitase as botas. Ela negouse, ofendidísima da ousadía de Filipe. Neri volveu e informou de que aquela muller non era santa, como ía selo se lle faltaba humildade. Cando lle ofreceron o chapeu de cardeal, respondeu que prefería o Paraíso. É o santo do humor e da chiscadela leda. A tradición pon na boca de Santa Teresa unha oración que Neri nunca precisou escribir, porque a rezaba cada día co rostro iluminado: «De santos tristes, líbranos, Señor». Falta nos fai o sorriso de San Filipe Neri nestes tempos.



