O Culturgal Expandido chega ao seu ecuador no Mercado Municipal de Muros tras inaugurar unha axenda cultural multidisciplinar que reuniu propostas de poesía, teatro, narración oral e música en directo.

A xornada inaugural arrincou onte venres co espectáculo O proceso. Apaga o candil, protagonizado polo director e narrador Cándido Pazó e o actor Avelino González. O programa continuou co recital Todos poetas menos o capitán, a cargo do autor muradán Samuel L. París, e pechouse co concerto poético de Cinta adhesiva, formado por Silvia Pena e Jesús Andrés.
A actividade deste sábado comezou pola mañá centrada no público infantil, coas propostas de narración de Miguel Guido (O Lobo Feliz) e Charo Pita (Menú de Contos).
A despedida do Culturgal Expandido terá lugar mañá domingo co baile tradicional como protagonista. De 12:00 a 14:00 horas celebrarase un obradoiro aberto a todos os públicos dirixido polo bailarín e coreógrafo Artur Puga. A clausura definitiva chegará coa iniciativa participativa Ven e Baila, que convida a toda a veciñanza a unirse ao baile canda Puga e o grupo Os Enxebres.




