
A Pobra do Caramiñal volverá render homenaxe a Ramón del Valle-Inclán durante o mes de outubro coa celebración das XXVIII Xornadas de Homenaxe ao escritor. A programación, que se desenvolverá entre os días 16 e 31, reunirá unha ducia de citas culturais gratuítas, cunha oferta que combina literatura, artes escénicas, cine, música e divulgación, dirixida a públicos de diferentes idades.
O Centro de Estudos do Museo Valle-Inclán acolleu este mércores, 14 de outubro, a presentación oficial das xornadas, na que participaron a concelleira de Cultura, Patricia Lojo; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a técnica da institución, Sara Barbazán Domínguez.
Durante a súa intervención, Patricia Lojo destacou a importancia de “dar continuidade a unha iniciativa que se achega ás tres décadas de traxectoria e que contribuíu a consolidar a relación da vila co legado literario do escritor”. A concelleira salientou que “Valle-Inclán forma parte da identidade, da memoria e do patrimonio cultural da Pobra”, polo que considerou “fundamental” preservar e transmitir a súa obra ás novas xeracións. Tamén puxo en valor a capacidade destas xornadas para “manter vixente a figura do autor a través de diferentes expresións artísticas e culturais, favorecendo novas formas de achegamento á súa literatura”. Seguindo este fío, agradeceu “expresamente” o apoio e a colaboración da Xunta de Galicia, así como o traballo das persoas, entidades e institucións implicadas na organización desta nova edición.

Un dos eixes centrais da programación será a conmemoración do centenario da publicación de Tirano Banderas (1926), unha das grandes novelas de Valle-Inclán, escrita na Pobra do Caramiñal. Esta efeméride estará presente en varias das actividades previstas, entre elas unha proxección cinematográfica e representacións de monicreques dirixidas ao alumnado dos centros educativos.
Literatura e artes escénicas para abrir a programación
As xornadas comezarán o venres 16 de outubro, ás 20.00 horas, coa presentación do cuarto número da revista Foro Galicia e Valle-Inclán, a cargo de Xaquín del Valle-Inclán Alsina. O acto desenvolverase no Centro de Estudos do Museo Valle-Inclán, con acceso pola praza do Cantón da Leña.
O sábado 17 estará dedicado ás artes escénicas, con dúas representacións no Teatro Elma. Ás 12.30 horas, Títeres Alakrán levará ao escenario A Rosa de Papel, unha adaptación da obra de Valle-Inclán destinada a maiores de 12 anos. Pola tarde, ás 20.00 horas, a compañía madrileña Tirinto and Co. representará Luces de Bohemia, unha das creacións máis emblemáticas do dramaturgo.
A programación continuará o domingo 18 cun roteiro en autobús polos escenarios literarios da serra do Barbanza que inspiraron a Valle-Inclán. O percorrido estará guiado pola técnica do museo, Sara Barbazán Domínguez, e partirá ás 11.00 horas desde o Museo Valle-Inclán. Para participar será necesaria a inscrición previa a través das canles oficiais da institución.
O mércores 21 de outubro, ás 20.00 horas, o Centro de Estudos acollerá a conferencia Pazo es. Unha poética del espacio aplicada a la arquitectura pacega a través de la literatura, impartida por Juan Manuel Monterroso, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.
O centenario de Tirano Banderas, protagonista da segunda semana

O sábado 24 de outubro, ás 12.30 horas, presentarase no Museo Valle-Inclán a edición facsimilar de Sonata de Otoño, publicada por Alvarellos Editora e cun prólogo de Xaquín del Valle-Inclán Alsina. Ese mesmo día, ás 20.00 horas, o Cine Elma acollerá a proxección de Tirano Banderas, película estreada en 1993 e galardoada con seis premios Goya. A sesión enmárcase na conmemoración do centenario da publicación da novela homónima.
A actividade escénica continuará o domingo 25, ás 20.00 horas, coa representación de Josefina e máis eu no Teatro Elma. A obra, construída a partir das figuras de Margarita Nelken e Carmen de Burgos, conmemora a vida de Josefina Blanco, esposa de Valle-Inclán. A posta en escena correrá a cargo de Teatro en Punto, baixo a dirección de Gloria Rico.
O público infantil tamén terá o seu espazo nesta edición. Os días 27 e 28 de outubro, o alumnado dos colexios Pilar Maestú Sierra e Salustiano Rey Eiras poderá gozar das representacións de Tirano Banderas. La Momia, da compañía Teatro Cachirulo. Esta adaptación con monicreques da novela pretende facilitar o primeiro achegamento das novas xeracións á obra de Valle-Inclán.
Homenaxe cívica no aniversario do nacemento do escritor
A xornada central celebrarase o venres 30 de outubro, coincidindo co aniversario do nacemento de Valle-Inclán. Os actos comezarán ás 12.30 horas cunha ruada musical do grupo GMT Caraveiros polos principais espazos da vila. Ás 13.00 horas terá lugar a tradicional ofrenda cívica diante do monumento dedicado ao escritor no Cantón da Leña.
As XXVIII Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán concluirán o sábado 31 de outubro, ás 20.00 horas, coa representación de Retablo do Esperpento, a cargo de Noitebras Teatro, no Teatro Elma.
Todas as actividades serán gratuítas, aínda que algunhas estarán reservadas ao público escolar ou requirirán inscrición previa, como é o caso do roteiro literario.
A ilustración da cartelaría desta edición foi realizada polo artista Alfonso Costa.
Con esta nova convocatoria, o Concello da Pobra do Caramiñal dá continuidade a unha iniciativa consolidada no calendario cultural do municipio, que contribúe á conservación, ao estudo e á difusión do legado de Valle-Inclán, ao tempo que mantén viva a estreita vinculación do escritor coa vila.



