
O alcalde do Porto do Son, Luis Oujo, formalizou a sinatura dos convenios de colaboración coas ANPAs de As Furnas, Coira e CEIP Sobrado de Nebra, co obxectivo de apoiar economicamente o desenvolvemento de actividades e servizos de conciliación familiar.
A través destes acordos, asinados coas presidentas de cada asociación, o Concello destina un total de 5.527 euros a contribuír ao financiamento dos gastos derivados das actividades organizadas por estas entidades, entre as que se inclúen o servizo de madrugadores e outras iniciativas dirixidas á comunidade educativa.
As achegas distribúense entre as tres entidades beneficiarias onde o ANPA CEIP Sobrado de Nebra recibirá 1.393,14 euros; a ANPA Coira, 2.336,88 euros; e a ANPA As Furnas, 1.797,60 euros.
Con esta colaboración, o Concello do Porto do Son reafirma o seu “compromiso coas familias do municipio e co labor que desenvolven as asociacións de nais e pais do alumnado”, segundo salientou o alcalde, engadindo que “estas entidades desempeñan un papel fundamental na organización de propostas que facilitan a conciliación da vida familiar e laboral e contribúen a mellorar os servizos dispoñíbeis para a comunidade educativa”. E engadiu: “O Goberno do Son continúa deste xeito apoiando iniciativas que responden ás necesidades da veciñanza e que favorecen o benestar das familias e o desenvolvemento das actividades educativas e complementarias no municipio”.

Desde o Concello destacan que “a colaboración coas ANPAs é fundamental para apoiar ás familias e facilitar a conciliación da vida persoal e laboral, ao tempo que se favorece a organización de actividades que responden ás necesidades da comunidade educativa”.




