
O BNG, o PSdeG e os concelleiros non adscritos de Ribeira reclamaron que a futura residencia pública de maiores se manteña nas Saíñas e que se fagan públicos os informes que xustificaron desbotar esta parcela. A iniciativa defendeuse nun pleno extraordinario que tivo que ser convocado polo secretario municipal ante a negativa da alcaldesa, María Sampedro, a fixar a sesión, e rematou co voto en contra do Partido Popular.
O portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, acusou o goberno local de atrasar a infraestrutura e ocultar información ao non presentar ningún documento técnico vinculante que avale a inviabilidade do terreo. O ex-alcalde cualificou de contraditorio o argumento da inundabilidade, ao lembrar que a cota das Saíñas é máis alta que a do paseo do Malecón, onde xa funciona outro centro de maiores sen problemas de seguridade.
A oposición alertou do grave impacto económico de abandonar un emprazamento no que xa se investiron máis de 800.000 euros públicos na compra de terreos, a demolición da antiga discoteca Hesta Kurva e a redacción do proxecto orixinal. Pérez Barral criticou que a alternativa proposta polo PP no monte de San Roque non ten terreos cedidos, nin proxecto nin orzamento, ademais de supor o illamento dos usuarios fronte a unha localización nas Saíñas mellor comunicada e integrada na contorna de Coroso.



