
Xa metidos de cheo no mes de outubro, a festa non se detén. Esta fin de semana e parte da seguinte, dende o venres 9 ata o luns 12, celebraranse as Festas do Carme na parroquia de Leiro, en Rianxo. O cartel inclúe unha completa programación de orquestras, grupos e actividades.
A festa arrincará este venres 9 de outubro con 21 bombas de palenque ao mediodía e proseguirán pola noite cunha verbena a cargo da orquestra Finisterre e a disco móbil Disco Planet co DJ Tito Maverick.
O sábado 10, adicado a Santa Bárbara, abrirá con dianas e alboradas e logo cunha misa cantada ao mediodía (ás 12.00 horas). Ao remate da misa haberá sesión vermú con Alddara e logo un xantar popular. Pola noite verbena (a partir das 22h) con La Banda de Ayer e Atenas.
O domingo estará adicado á Virxe do Carme. Haberá unha misa cantada ao mediodía e ao remate unha sesión vermú que estará a cargo da Banda Escola de Música de Rianxo. Pola noite celebrarase unha verbena con Gran Parada e América.
O luns será a quenda da rapazada coas atraccións Leirolandia e o tren turístico.
Organiza a Comisión de Festas Virxe do Carme de Leiro en colaboración co Concello.



