
O porto do Muros acolle este xoves 1 de outubro unha exhibición de medios da Garda Civil: unha actividade na que participan arredor de 1.500 estudantes de centros educativos de Muros e dos concellos da contorna, na xornada de mañá, mentres que pola tarde, a mostra está aberta ás familias e ao público en xeral. Asisten ademais un centenar de usuarios con diversas capacidades das entidades ADISBISMUR, A Creba e Misela. Nos actos celebrados pola mañá participaron a subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboadela, acompañada da alcaldesa María Lago, e da tenente de alcaldesa, Caridad González, entre outras autoridades estatais e locais.
A xornada permitiu ao alumnado participante na exhibición coñecer os medios materiais e as capacidades operativas das distintas especialidades da Garda Civil, así como a diversidade de funcións que desenvolve o corpo en ámbitos como a seguridade cidadá, a investigación criminal, a protección ambiental, a seguridade viaria, a vixilancia marítima e a intervención en situacións de emerxencia.

Nas sesións participaron as unidades de Seguridade Cidadá, a Patrulla Fiscal e Fronteiras, o Grupo de Especialistas en Desactivación de Explosivos (GEDEX), o Equipo Pegaso, o Grupo de Rescate e Intervención en Montaña (GREIM), o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA), a Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia (USECIC), Tráfico, o Laboratorio de Criminalística, o Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas (GEAS), o Servizo Aéreo, cun helicóptero, o Servizo Cinolóxico, a Oficina de Atención ao Peregrino (OMAP) e o Servizo Marítimo.
Obdulia Taboadela puxo en valor a importancia de achegar este tipo de actividades aos centros educativos e facilitar que os escolares coñezan o traballo dos profesionais da Garda Civil e os recursos cos que contan para garantir a seguridade e prestar servizo á cidadanía. “As tarefas da Garda Civil van moito máis alá de garantir, que tamén, a seguridade cotiá da cidadanía, por iso síntome francamente orgullosa de que hoxe amosen aos pequenos todo o que están a facer por mellorar a nosa convivencia e, en definitiva, por mellorar a sociedade, a democracia e as liberdades”.
Lembrar que o Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Contornos é unha iniciativa impulsada polo Ministerio do Interior que ten como obxectivo reforzar a colaboración entre a comunidade educativa e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
O programa busca “previr e detectar situacións de risco que poidan afectar os nenos, nenas e adolescentes, así como fomentar o respecto aos dereitos fundamentais, a igualdade e a convivencia”. Entre os seus ámbitos de actuación figuran a prevención do acoso e do ciberacoso escolar, os riscos asociados ao uso das novas tecnoloxías, as adiccións e as distintas formas de violencia.
Para iso, o Plan promove actividades formativas e informativas, charlas impartidas por profesionais policiais e actuacións de cooperación cos centros educativos, co obxectivo de ofrecer ao alumnado ferramentas para identificar riscos, previr condutas delituosas e saber como actuar ante posibeis situacións de violencia ou inseguridade.
“O Plan Director permite traballar directamente coa comunidade educativa na prevención de problemas que afectan os menores e ofrecerlles información e recursos para desenvolverse con maior seguridade, tanto dentro como fóra dos centros educativos”, valorou Taboadela.



