
Volve ao Porto do Son o deporte de orientación, unha proposta saudábel e divertida para desfrutar da natureza e das actividades de lecer ao aire libre. O vindeiro sábado 3 de outubro, ADC Arnela organiza en Porto do Son “unha xornada dobre de pura orientación”. Haberá “dúas probas espectaculares da Liga Galega preparadas”, segundo informou a asociación deportiva e cultural, referente local, comarcal e galego neste tipo de actividades lúdico-deportivas.
Ás 10:00h no Monte Enxa: arrinca a 8ª proba da XXXV Liga Galega de O-PÉ.
O día pechará coa 5ª proba da VII Liga Galega de Sprint. Será ás 16.30 horas na contorna de Cabeira.
“Tanto se sodes uns expertos do mapa e o compás, coma se queredes probar este marabilloso deporte por primeira vez, este é o voso momento”, informan dende a organización.
As inscricións están abertas e poden facerse a través da web da Federación Galega de Orientación (fegado.es) ou do código QR incluído no cartaz.
Para as persoas iniciadas neste tipo de actividades deportivas, sinalarlles que a orientación consiste en que cada participante, coa axuda dun mapa e un compás, tense que orientar por camiños descoñecidos ata atopar, nunha orde determinada, os puntos de control que se marcaron sobre o terreo.
O reto deberá facerse no menor tempo posíbel.
Estes puntos de control poden ser balizas ou estar marcados de forma electrónica e adoitan situarse en zonas de difícil acceso.
Por certo que a 6ª proba será o sábado 7 de novembro de 2026 na contorna de A Peroxa (Ourense)



