O Concello de Ribeira sacou a licitación a obra para mellorar a envolvente dos vestiarios do Campo de Fútbol de Aguiño, cun orzamento de licitación de 56.507,81 euros, IVE incluído, financiado mediante unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental 2026, da Xunta de Galicia.
Esta actuación súmase á renovación da cuberta dos vestiarios, que o Concello financiou con fondos propios e que foi contratada á empresa Construcciones Anspal por un importe de 22.394,23 euros.
O investimento das dúas actuacións alcanza un total de 78.902,04 euros, permitindo acometer unha mellora integral dos vestiarios. O Concello explica que “a actuación permitirá solucionar os problemas de humidades, fendas e filtracións existentes e mellorar o illamento do edificio mediante a construción dun novo cerramento con dobre parede de ladrillo, cámara de aire e illamento de polistireno”.
O proxecto inclúe tamén o enfoscado e pintado dos paramentos interiores e exteriores, así como a instalación de cinco xanelas de aluminio con rotura de ponte térmico. O prazo previsto de execución é de tres meses.
Estas dúas actuacións súmanse ao conxunto de investimentos que o Concello está a desenvolver para mellorar e poñer ao día as instalacións deportivas municipais. Neste caso, o Concello busca “mellorar de forma integral as condicións da instalación deportiva, garantindo uns vestiarios máis confortábeis, eficientes e axeitados para as persoas usuarias do Campo de Fútbol de Aguiño”, informaron fontes do Consistorio.





