
O Concello de Boiro celebrou este xoves día 17 ás 20.00 horas o pleno ordinario da Corporación correspondente ao mes de setembro. A sesión, que pode verse íntegra na canle municipal de YouTube, saldouse con importantes acordos como os dous proxectos propostos polo grupo de Goberno para participar no POS+ adicional da Deputación da Coruña, que tivo os votos a favor do PSOE, o PP e Boiro Novo.
A cantidade designada polo POS+ Adicional ao Concello é de 954.642,25 euros, que se vai investir en dous proxectos de obras. Por unha banda o Concello propuxo o proxecto de ampliación das salas fitness no Complexo Deportivo da Cachada, cun importe de 455.542,92 euros. Pola outra o Executivo incluíu a renovación do céspede de herba artificial e mellora da cuberta das gradas no Campo de Fútbol de Vista Alegre. Esta actuación ascende aos 362.998,26 euros. O importe restante da suma deses proxectos, 136.101,07 euros, destinarase ao gasto corrente.
- Aprobación da acta da sesión do 23 de xullo de 2026 – aprobación con 12 votos a favor (PSOE, BNG e Boiro Novo) e 5 abstencións (PP).
- Solicitude de participación no POS+ adicional 2/2026 – aprobación con 15 votos a favor (PSOE, PP e Boiro Novo) e 2 abstencións (BNG).
- Aprobación definitiva do suplemento de crédito 3/2026 – aprobación con 14 votos a favor (PSOE e PP), 2 abstencións (BNG) e 1 voto en contra (Boiro Novo).
- Crédito extraordinario 3/2026 – aprobación con 9 votos a favor (PSOE), 7 votos en contra (PP e BNG) e 1 abstención (Boiro Novo).
- Moción do grupo municipal de Boiro Novo/mixto para a mellora das condicións laborais das traballadoras do servizo de axuda no fogar (SAF) – rexeitado con 8 votos a favor (PP, BNG e Boiro Novo) e 9 votos en contra (PSOE).




