A comunidade quedará baixo unha circulación de vento do nordés que deixará máximas baixas para a época do ano.
Galicia atoparase este mércores nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións, marcada pola entrada dunha circulación de vento do nordés. Esta configuración meteorolóxica dividirá a comunidade en dous escenarios diferentes: os ceos presentarán máis nubes na franxa norte, onde se agardan chuvascos, mentres que a metade sur manterá un tempo seco e con presenza de grandes claros.
A xornada virá acompañada dun moderado descenso xeral das temperaturas, rexistrando valores máximos que serán especialmente baixos para a época do ano( 21 a 24 graos). Respecto ao réxime de ventos, soprarán do nordés con carácter moderado de forma xeral, aínda que se prevén intervalos fortes na zona das Rías Baixas.

O noso mar: Vento do nordés á mañá e á noite e do norte á tarde, forza 4 a 6 á mañá, 5 a 7 á tarde e 4 a 5 á noite. Forte marusía. Visibilidade boa. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 1 a 1.5 metros.



