
O fotógrafo Toño Villar, con estudio en Bertamiráns (Ames) e natural de Noia, foi recentemente galardoado cunha Mención de Honra na última edición dos International Photography Awards (IPA), un dos certames de fotografía máis importantes e competitivos do panorama fotográfico global. O traballo premiado, titulado Niebla en Consuegra, destaca pola súa visión poética e evocadora dos emblemáticos muíños de vento de Consuegra, en Toledo.
A imaxe foi tomada nas últimas luces do día e capta un denso mar de néboa baixa que envolve a paisaxe chá que caracteriza a Castela A Mancha.
A fotografía foi seleccionada entre decenas de miles de propostas presentadas por profesionais e talentos emerxentes de máis dun centenar de países de todo o mundo.
Os International Photography Awars celebran anualmente os logros acadados polos fotógrafos máis destacados do mundo. Un xurado internacional composto por editores, conservadores de arte, directores creativos e expertos na industria fotográfica avalía as obras baseándose na súa creatividade, composición e excelencia técnica.

Sobre o fotógrafo
Toño Villar naceu en Noia, mais reside en Teo e ten o seu estudo fotográfico en Bertamiráns. O fotógrafo conta con máis de 15 anos de traxectoria nesta arte e está especializado en fotografía de voda e documental. O seu traballo caracterízase pola naturalidade, o uso da cor e unha narrativa visual particular.




