
A Asociación Cultural e de Tradicións Mariñeiras Gamela celebrará na primeira fin de semana de setembro, o venres 4 e sábado 5, a súa V Xuntanza Mariñeira, unha cita xa consolidada no calendario cultural e mariñeiro da comarca que busca “poñer en valor o patrimonio marítimo, as tradicións populares e a cultura vinculada ao mar”.
Segundo confirmou a organización, esta quinta edición foi posíbel grazas ao apoio dos colaboradores habituais, entre os que se atopan o Concello de Boiro e a Deputación da Coruña, aos que este ano se incorporan novas entidades e empresas colaboradoras como o Restaurante Ronsel, a conserveira Cuca, a Taberna de Benito, JJ Chicolino, o Club de Remo Cabo da Cruz, o Náutico de Chicolino, o Supermercado Claudio, a Abadía de San Enrique e Samala.
Como principal novidade desta edición, a programación dará comezo o venres 4 de setembro coa inauguración da exposición fotográfica As mulleres do mar de Balboas, da autora Hadriana Ordóñez Otero, que poderá visitarse no Restaurante Ronsel. A xornada completarase cunha sesión de contacontos a cargo de Caxoto e cos tradicionais cantos de taberna da man da agrupación Sondaílla.
Xa o sábado 5 de setembro, a actividade continuará coa tradicional regata de bucetas, seguida da entrega de bandeiras ás embarcacións participantes e dunha xornada de navegación a vela, que permitirá gozar do patrimonio marítimo e da contorna costeira de Cabo de Cruz. A programación rematará cun concerto na Abadía de San Enrique.
Desde a Asociación Cultural e de Tradicións Mariñeiras Gamela destacan “o compromiso e a colaboración de todas as entidades patrocinadoras e persoas voluntarias que fan realidade este encontro”, así como convidar á veciñanza e aos visitantes a “participar e desfrutar dunha fin de semana dedicada á cultura mariñeira”.
A organización agradece especialmente aos medios de comunicación a difusión desta actividade, que, segundo fai saber, “nace da ilusión, do esforzo colectivo e da vontade compartida de conservar e promover as tradicións marítimas que forman parte da identidade de Cabo de Cruz e do Concello de Boiro”.




