O IV Encontro Burla Verde reivindicará a dignidade do rural galego dende Mazaricos (a partir do 5 de setembro)

31 Agosto 2026

O IV Encontro Burla Verde celebrarase os días 5 e 6 de setembro en Santiago de Arcos cunha mensaxe ben definida: o rural galego non se vende. En palabras do equipo da organización, o encontro “servirá para unir as loitas dun rural galego sometido á presión da eólica, a minería, as plantas de dixestión anaeróbica de residuos agroindustriais, as grandes industrias contaminantes, os encoros e as centrais reversíbeis”. Será pois o punto de encontro de colectivos, plataformas, asociacións e persoas chegadas de diferentes lugares do noso territorio.

Burla Verde non comeza en Mazaricos. Chega ata aquí despois das anteriores edicións celebradas en Sabucedo, O Courel e Vilanova dos Infantes, e tras meses nos que diferentes colectivos impulsaron actividades e encontros previos en distintos puntos de Galicia.

Para a organización, “o camiño percorrido permitiu comprobar algo que para nós resulta cada vez máis evidente: ningún territorio pode afrontar illadamente o que está acontecendo en Galicia”. Estas ameazas teñen para as plataformas convocantes diferentes nomes pero un mesmo obxectivo: eólica terrestre e mariña, megaminería, plantas de dixestión anaeróbica de residuos agroindustriais, proxectos como Altri, os impactos asociados a grandes complexos industriais como Alcoa ou Ence, novas infraestruturas eléctricas, encoros e centrais hidroeléctricas reversíbeis forman parte dun escenario no que numerosos territorios rurais se ven obrigados a organizarse para defender os seus montes, a súa auga, a paisaxe, os seus recursos, as súas actividades económicas e a propia posibilidade de continuar vivindo neles.

A elección de Mazaricos para esta cuarta edición non é casual e nolo explican deste xeito: “O concello e toda a contorna do Xallas son un exemplo especialmente claro do que significa acumular durante décadas infraestruturas enerxéticas sobre un mesmo territorio. E para entender a dimensión da presión actual non abonda con mirar os proxectos que están sobre a mesa: hai que mirar primeiro todo o que xa existe. Só Mazaricos conta con máis de 120 aeroxeradores, entre eles os correspondentes ao Polígono Eólico A Ruña II e ao Polígono Eólico Pedregal Tremuzo”, indican os organizadores do encontro, engadindo que “a poucos quilómetros, a mesma realidade repítese en Negreira, co Poligono Eólico de Corzán, que suma arredor de 40 aeroxeradores; en Santa Comba onde están xa o Polígono Eólico Fontesilva e a súa ampliación, ademais do Poligono Eólico de Zas; en Vimianzo, cos polígonos eólicos Barrigoso e Monte Tourado-Eixe; en Dumbría, Ameixenda, Filgueira e Ponte Rebordelo; e en Cee, Sembra, Rego do Lobo e Paxareiras II/Codesos”.

Lembran tamén o caso do río Xallas, que conta xa coas centrais hidroeléctricas de Ponte Olveira I e II, Novo Castrelo, Castrelo, Santa Uxía I e II e Novo Pindo, ademais dos encoros da Fervenza, A Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía.

Engaden que “sobre un territorio que leva décadas producindo enerxía e soportando estas infraestruturas continúan aparecendo novos proxectos, repotenciacións e iniciativas en diferentes fases de tramitación ou anunciadas. Só en Mazaricos aparecen, entre outros, o Polígono Eólico Alvite II, o Polígono
Eólico A Ruña III, as balsas reversíbeis da Ruña, a planta de dixestión anaeróbica de residuos agroindustriais das Maroñas e a planta de dixestión anaeróbica de residuos agroindustriais de Fornís. A estes engádense outras catro posíbeis plantas de dixestión anaeróbica de residuos agroindustriais. Súmanse a Mazaricos os casos de Outes, onde está o Polígono Eólico Outes; Negreira, cos polígonos eólicos Banzas e Troitomil; Brión co a balsa de Cornanda; e na Baña, os polígonos eólicos Vilartoxo, Barrosino e Sete Fontes. En Santa Comba sitúanse os proxectos eólicos Campelo e O Cerqueiral; en Vimianzo, a repotenciación do Polígono Eólico Monte Redondo e o Polígono Eólico Monte Tourado e Miñón; en Dumbría, novos proxectos como Carboal; en Carnota, a repotenciación do Complexo Eólico Paxareiras-Montevós; e no Barbanza, as repotenciacións de Barbanza I e II”.

Apuntan ademais que “á presión terrestre súmase tamén a ameaza da eólica mariña sobre a costa galega, cun modelo que volve suscitar entre os colectivos as mesmas preguntas sobre quen decide, quen soporta os impactos e quen recibe os beneficios”.

Detalles do programa

O sábado 5 de setembro, o programa arrincará ás 10.00 horas cun obradoiro xurídico sobre Como defender a terra, desde a alegación ata a xustiza gratuíta e o TSXG. Ás 10.45 horas haberá un espazo ecoloxista de encontro de voces na defensa da terra, con Ulloa Viva, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, Carme Varela e Tonio Nogueira. Ás 12.00 horas, Juan Ramón Vidal Romaní ofrecerá unha conferencia sobre os riscos das balsas reversíbeis. Ás 13.00 horas haberá unha sesión vermú con Outro e Federico Pérez e un grupo de música folk, seguida ás 14.00 horas dun xantar de vagar con polbeira. Ás 16.00 horas celebrarase unha sobremesa con regueifa e ás 18.00 horas comezará o Foro do Territorio. Tamén se celebrará pola tarde unha andaina desde Santiago de Arcos ata A Ruña, acompañada por A Gentalha do Pichel. A xornada continuará ás 22.00 horas coa proxección audiovisual Os vídeos da Ruña, de Roberto Vilela e Paco Perú, e ás 22.30 horas cos concertos de Yas de Luaces, Zeltia Irevire e Baralhete Sound System.

A axenda do domingo 6 de setembro arrincará ás 10.30 horas cunha mesa redonda con café baixo o epígrafe Xentes da Ruña: vivir e resistir no territorio, con Simadarca, Boca de Sapo, Vendaval e Salvemos A Ruña. Ás 11.30 horas presentarase o libro Un Monte Todos os Montes, con María Bella, de Azul Máis Verde Coop.

Ás 12.00 horas celebrarase un encontro de escritores sobre literatura e territorio, con María Bella, Maricarmen Rey, Carme Varela e Concha L. Llamas. Ás 13.00 horas o grupo Troula representará a obra de teatro Grazas, aquí estou ben, e ás 14.00 horas celebrarase a clausura coas pandeireteiras da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos. A xornada rematará ás 15.00 horas cun xantar de vagar con polbeira. Durante a mañá tamén feira do libro e sinatura de libros.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.