Un proxecto científico estuda a orixe das especies a través do caramuxo bravo do Parque Nacional

29 Agosto 2026

A Consellería de Medio Ambiente presentou os detalles dun proxecto científico que estuda a orixe das especies a través do caramuxo bravo presente no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Esta especie é un pequeno gasterópodo -molusco- localizado no intermareal rochoso do Atlántico norte que se emprega como organismo modelo en ecoloxía evolutiva en diversas universidades e permite observar nun organismo vivo as fases iniciais de formación de novas especies.

No estudo indícase que o este molusco ten unha escasa capacidade de dispersión xa que carece de fase larvaria planctónica, as súas poboacións diverxen a escalas de poucos metros e desenvolven adaptacións locais estables -ecotipos-. Isto débese a factores tan distintos como poden ser a forza da ondaxe, a depredación por cangrexos ou o grao de abrigo, entre outros.

O Parque Nacional acolle catro destes ecotipos: nas costas expostas de Cíes, Ons e Sálvora conviven o ecotipo Wave -pequeno e de concha fina- e o Crab -de concha maior, grosa e con bandeado característico-; en Cortegada, que é o punto máis protexido da ondaxe de todo o Parque, rexístrase un fenotipo próximo ao Crab+ -de concha maior e abertura proporcionalmente menor-.

No caso do Lago dos Nenos, unha lagoa illada do mar situada entre as illas de Monteagudo e Faro, acontece “algo excepcional”, segundo determinou o proxecto, xa que se atopa un cuarto ecotipo exclusivo desta localización denominado Cíes -que carece de bandeado e cunha concha máis fina e alongada- e descrito polo equipo investigador no ano 2020.

Cómpre lembrar que este estudo se desenvolve no marco do proxecto SINGULARGEN, levado a cabo no Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo -CIM-UVigo- e aborda o estudo destas poboacións a escala xenómica completa. Esta estratexia, na que colabora a Xunta, combina a análise conxunta de cada ecotipo e illa, para comparar centos de miles de posicións do xenoma entre as catro illas do Parque e as costas continentais, cunha análise de individuo a individuo nos ecotipos Cíes e Crab das Illas Cíes, que cruza o xenoma de cada exemplar coa forma da súa cuncha e coa súa tolerancia á calor.

Así, os resultados terán unha aplicación directa á conservación destas poboacións permitindo estimar o censo efectivo, actual e histórico da poboación do Lago dos Nenos e anticipar riscos de consanguinidade nunha variabilidade xenética que non existe en ningún outro punto da costa galega.

O proxecto está financiado polo Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN) dentro da convocatoria de axudas para a investigación científica na Rede de Parques Nacionais.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.