
A Sociedade Deportiva Barbantia Roda organiza este sábado 15 de agosto a nova edición (a oitava) da súa Andaina da Santa Compaña, unha cita deportiva, cultural, festiva e de lecer que xa conta cuns novecentos camiñantes inscritos, a falta de cinco días para que remate o prazo para formalizar a participación (limitada a 1.600 persoas)
A Andaina da Santa Compaña volverá xuntar nunha mesma quedada a seareiros do deporte ao aire libre e a seareiros da longa tradición oral, literaria e cinematográfica de contos de terror e misterio.
As inscricións están abertas en RockTheSport. Organiza a Sociedade Deportiva Barbantia Roda coa colaboración do Concello de Rianxo. Celebrarase en horario nocturno: de 23:00 a 3.00 horas. As persoas de idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos poderán participar cunha autorización por escrito dos proxenitores. Entre os 8 e os 14 anos ademais do anterior deberán ir acompañados/as dun adulto.
O punto principal da actividade sitúase novamente na Area Recreativa de Campo Maneiro, na parroquia de Taragoña. A andaina iniciarase ás 23:00 h.
O prazo para anotarse permanecerá aberto na plataforma RockTheSport ata o 12 de agosto, a menos que se esgote antes o límite máximo de 1.600 participantes fixado pola organización
A dificultade será baixa, xa que se trata dunha camiñada apta para público xeral que ten un carácter lúdico e non competitivo.
Ao longo dos camiños máis sombríos e rurais, a organización recrea representacións teatrais e escenas de terror vinculadas á lenda galega da Santa Compaña.



