O XIV Festival Atlántica volverá situar a palabra contada no centro da vida cultural da comarca do Barbanza e da contorna das rías de Muros e Noia cunha programación que une narración oral, patrimonio e paisaxe.
Do 26 de xuño ao 10 de xullo, Outes, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Dodro e Iria converteranse en escenarios para historias que naceron da memoria colectiva, da cultura popular e da relación das comunidades co seu territorio.
Outes será unha das primeiras paradas desta viaxe coa proposta Contar, de Celso Fernández Sanmartín, o día 28 de xuño, na terraza do Náutico do Freixo, un espazo aberto ao encontro entre o mar e a palabra. A localidade acollerá tamén Contos do Norte e do sur das narradoras vasca Amaia Elizagoien e de Huesca Irene Reina no Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira en Broña.

En Iria, o Museo Camilo José Cela acollerá as actuacións de Vero Rilo e Ángeles Goás, con Contos Colorados; e para os nenos Fran Rei chega con Hamelin, con intérprete en lingua de signos.
En Dodro, Atlántica reforza a súa aposta polos espazos patrimoniais coa narración Donas do lugar, de María da Pontragha, na Eira da Malla de Bexo, e con Historias Raianas, de Irene Reina, no singular entorno do Pozo do Conxeiro ou do Liño, en Eiró.
Ribeira acollerá unha das sesións do Ciclo Novas Voces coa proposta Inequivocamente, do portugués Antonio Fontinha, acompañado por Esmeralda Folgado, nunha combinación de narración e intercambio xeracional. A localidade contará tamén con O que non estaba escrito, de Carmen Conde, no lavadoiro de Penisqueira, en Aguiño.

A Pobra do Caramiñal sumará o seu patrimonio histórico á programación cunha noite no convento de Santo Antón coa narradora Marita Martínez e Contadiñas, así como coa presenza de Irene Reina acompañada do músico luso Ricardo Martíns, nos xardíns do Pazo do Couto coa proposta Raianas.
Con esta programación, Atlántica reafirma a súa vontade de levar a narración oral máis alá dos escenarios convencionais e crear experiencias únicas nas que o lugar, a memoria e as historias formen parte dun mesmo relato.
Máis datos sobre a información de adultos e infantil na web do Festival.



