Ribeira érguese contra a homofobia celebrando e reivindicando con orgullo a diversidade

26 Xuño 2026

O Concello de Ribeira continúa na senda de visibilizar ao colectivo LGTBIQ+ e defender os dereitos polo que organizou unha axenda para reivindicar e celebrar o Orgullo. O acto institucional desenvolveuse este venres 26 no Auditorio Municipal co pregón a cargo do matrimonio das ribeirenses Ana Lampón Gude e Elena Rego Fernández, quen casaron en xaneiro de 2025 como guinda aos 16 anos da súa historia de amor. Na súa intervención, a alcaldesa, María Sampedro, manifestou que “a vosa presenza aquí fala dunha historia de amor, si, pero tamén dunha historia de perseveranza, de dignidade e de futuro. Porque amar durante anos, construír unha vida en común e poder facelo publicamente, sen medo e sen pedir permiso, é tamén unha forma fermosa de liberdade”.

A rexedora engadiu que o horizonte é “unha Ribeira na que ninguén teña que esconder a súa vida, a súa identidade ou os seus afectos. Unha Ribeira onde cada persoa poida sentirse recoñecida, segura e parte da comunidade. Que Ribeira siga sendo unha vila con memoria, con respecto e con orgullo”.

En sentido tamén se expresou a concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, ao dicir que “reunímonos para poñer en valor a dignidade de tódalas persoas, para lembrar o camiño percorrido e tamén para renovar o compromiso colectivo cunha sociedade máis xusta, máis libre e máis respectuosa”.

As pregoeiras falaron de como foi a súa adolescencia, porque como dixo Ana, “se boto a vista atrás e penso naquela Ana adolescente que se estaba descubrindo, podo dicirvos que nin nos seus mellores soños imaxinaba algo así. Nin imaxinada que podería vivir con total naturalidade no meu propio pobo, rodeada da miña familia, das miñas amizades, casada ca muller que quero e podendo facer a miña vida sen esconder”.

Para Elena, “cando cheguei a vivir a Galicia, no 2006, houbo quen, dende a curiosidade ou o descoñecemento, me preguntou se era lesbiana. Chamoume a atención porque nunca sentira a necesidade de definirme de ningunha maneira. Sei que, para moitas persoas, poñerlle nome a o que senten é importante. É algo que respecto profundamente. Pero o meu camiño persoal foi diferente. Non sei se é pola miña mentalidade americana, pero, para min, antes que nada,
son Elena. Son filla, amiga, compañeira e veciña. Son os meus valores, as miñas experiencias e as persoas ás que quero. Porque ninguén colle por completo dentro dunha soa palabra”.

No acto tamén se procedeu coa lectura dun manifesto por parte de membros da Corporación municipal, así como poemas da voz de asociacións municipais: Amas de Casa, Confraría da Dorna, A Creba, Cruz Vermella, Ámbar, AGADEA, Amicos e Renacer.

Programa para o resto de xornadas

O programa proseguirá no sábado, 27 de xuño, cun dúas actuacións musicais na praza de Porta do Sol: Silvia Superstar, ás 20.00 horas, e Broken Peach, ás 22.30 horas.

Para o domingo, 28 de xuño, proxéctase unha sesión vermú con Dani DJ na contorna do Parque de García Bayón, ás 13.00 horas, mentres que, ás 21.00 horas, haberá cine na rúa co filme Elisa e Marcela, na praza do Concello.

Trasládase ao 2 de xullo o Festi Pops por mor do mal tempo de hoxe. Será na praza do Concello, ás 20.00 horas.

Finalmente, no 5 de xullo, ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal soará unha reedición do concerto Grandes Iconas, da orquestra Sons. Un cento de artistas cantarán temas de Alaska, Rocío Jurado, Queen, Tino Casal ou Raffaella Carrà.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

España conta cunhas 40.000 persoas sen fogar. Un millón e medio familias viven en infravivendas. Dentro da Unión Europea, só Bulgaria e Letonia presentan indicadores de desigualdade máis altos que España. Segundo datos estatísticos da AEAT e do INE, a metade da...

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

Las universidades gallegas presentaron las ofertas docentes intentando responder a las demandas de los estudiantes y del mercado laboral en este tiempo en el que los perfiles profesionales son cada vez más transversales. En ese contexto llama especialmente la atención...