Juan Caballero (texto e imaxes). O Centro Interfederado de Tui acolle este sábado 23 de maio a segunda proba do Campionato de España Inclusivo de Motonáutica – Grupo Davila, cita que tamén puntúa no Circuíto Galego da especialidade.
Cunha alta participación as probas comezarán con puntualidade ás 10.30 da mañá, con acceso libre e gratuíto ata completar o aforo das bancadas situadas sobre o Miño, entre augas de dous países.
A Comandancia Naval do Miño faise cargo da seguridade, en colaboración con Protección Civil de Tui. Na proba tamén participan o Club Minauta e a Deputación de Pontevedra, sendo a súa patrocinadores a Xunta de Galicia e o Concello de Tui.
Defende o liderado no nacional o tándem vigués formado por José Luis Fernández e Montserrat Pérez. Séguenlles, na segunda praza, os lalinenses Cristina García e José Manuel Santiso. E son terceiros, na listaxe provisional, os noieses Joaquín Barrio Guldrís e Joaquín Barrio Bouzas.

A primeira cita celebrouse na dársena do porto deportivo do Real Club Náutico Portosín, recollendo a testemuña para esta segunda proba Tui, un arranque do campionato no que xa se rexistrara un alto nivel de participantes, número que se repetirá no Interfederado.
As probas consisten nun percorrido con boias fondeadas para trazar un slalom e as sempre complicadas probas de habilidade como o fondeo, rescate, pelota-cesta e amarre, todo iso cun tempo cronometrado cuxa puntuación se rexerá pola media conseguida en cada trazado.




