O Concello de Porto do Son compartiu o palmarés da terceira edición do Concurso dos Maios do Concello de Porto do Son. O certame saldouse cunha serie de contribucións “impresionantes”, segundo sinalou o Concello, engadindo que “tras descubrir, ver e analizar os marabillosos maios realizados pola nosa cativada -e nos que se amosa á perfección o gran equipo formado polo alumnado, profesorado e toda a comunidade educativa- gustaríanos reiterar os nosos máis sinceros parabéns escolas e colexios pola vosa imaxinación e adicación, así como polo voso excelente traballo e esforzo”.
Os galardóns foron entregados polos concelleiros de Medio Ambiente, Juan José Calo, e Deportes, Xuventude e Ludoteca, Carlos Lorenzo.

Centros educativos premiados
CEIP Santa Irene, Porto do Son
Escola Infantil O Parque. Portosín
CEIP Portosín máis Escola Infantil Galiña Azul de Porto do Son

Exposición
As Concellerías de Medio Ambiente e Deportes, Xuventude e Ludoteca do Porto do Son organizaron os días pasados a terceira edición do Concurso dos Maios, unha actividade festiva, creativa e participativa aberta a todos os colexios de Infantil e Primaria do termo municipal.

A actividade incluíu dende este 30 de abril unha exposición aberta na fachada marítima de Porto do Son, que xa se pode visitar na vila, malia o mal tempo destes días.
Amais, contouse cun punto de recollida de maios aberto a toda a veciñanza para seren colocados nas vivendas.




